Provincia Activa, o novo programa da Deputación para o envellecemento activo da cidadanía
Por Redacción
Cun orzamento duns 150.000 euros, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar o programa Provincia Activa, que busca favorecer o envellecemento activo da cidadanía e a participación en actividades que promoven a creación de espazos de encontro e o intercambio de experiencias.
Está previsto que nesta iniciativa, que se vertebra arredor de 130 obradoiros abertos a persoas maiores de 50 anos da provincia, participen 3.000 persoas ao longo do 2024.
Provincia Activa está aberto a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra.
O obxectivo do goberno provincial é impulsar a súa independencia para evitar o seu illamento e as situacións de soidade non desexadas. Ademais, a través do programa, promoverase a participación das persoas maiores e fomentarse a cooperación social.
Cada entidade interesada poderá solicitar un obradoiro entre a ampla oferta deseñada pola Deputación e que abarca temáticas relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais.
En concreto, habrá cursos de pilates, ioga, ximnasia de mantemento, conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, terapia emocional, teatro, plantas medicinais, restauración de mobles, bailes de salón, pandeireta, canto popular, habilidades dixitais e informática.
Cada obradoiro terá unha duración de 30 horas e impartirase en xornadas de entre unha e tres horas á semana ao longo do 2024.
Relacionadas:
-
RADIO.- Hai que coidar "o benestar físico, mental e social para manter a independencia no último tramo da vida"
Por Marisa Ciordia |
-
Rueda presenta en Cuntis o programa 'Benestar en balnearios'
Por Redacción |
-
Ballesol Pontevedra, un proxecto de vida máis longo
Por Noticia patrocinada |
-
Benestar Social e Afapo poñen en marcha talleres de envellecemento activo en centros sociais de Pontevedra
Por Redacción |