Os químicos galegos premian á fábrica de ENCE pola súa sustentabilidade
Por Redacción
A fábrica que Ence ten en Pontevedra foi premiada este sábado polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia "pola súa aposta pola produción circular" a través de "un negocio sostible que protexe o medio e busca o beneficio da sociedad".
Foi no transcurso dun acto que se celebrou en Baiona e que estivo presidido pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Ence recibiu o Premio á Excelencia Química Empresarial de Galicia, "por establecer procesos acordes co seu compromiso no desenvolvemento dun negocio sostible baseado na protección das persoas e o medioambiente e en procura do beneficio de Galicia".
O colexio valorou o modelo de produción da factoría "enfocado en minimizar os efectos no cambio climático a través da fixación de carbono nos seus bosques, ao emprego da biomasa como fonte xeradora de enerxía renovable na súa fábrica de celulosa".
O decano do colexio, Manuel Rodríguez Méndez, destacou que a distinción "non é un cheque en branco", senón que pretende ser un recoñecemento "que sirva de acicate para que os seus xestores sigan facendo deste proxecto un modélico exemplo de xestión no sector químico".
Antonio Casal, que acudiu acompañado da directora da factoría, Esther Couceiro, agradeceu o recoñecemento dos químicos galegos en nome de todos os traballadores.
O director territorial de Ence en Galicia subliñou que este premio "é testemuña do esforzo e dedicación no camiño pola excelencia e supón un impulso para mellorar cada día", especialmente despois de que os últimos anos "non foran fáciles".
Defendeu que a compañía e a súa planta de Pontevedra seguirán traballando "na innovación, na seguridade e na sustentabilidade" e comprometeuse ante os químicos galegos "a seguir sendo líderes na industria química".
Relacionadas:
-
Colmenares asegura que os investimentos de Ence permitirán diversificar os seus produtos sen que supoña unha ampliación da fábrica
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE incorpórase á Alianza polo Clima de Galicia e anuncia a presentación do plan estratéxico a primeiros de 2024
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Ence declara perdas de 24 millóns de euros no terceiro trimestre pola baixada de prezos da celulosa
Por Redacción |
-
Os traballadores de ENCE reclaman investimentos na fábrica por ser un "compromiso moral" con Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada