Decenas de persoas sofren os "problemas técnicos" de Renfe quedando "tiradas" na estación
Por Anxo Lourido
Este luns os pasaxeiros están a sufrir novamente os problemas na liña entre Vigo e A Coruña, con paradas en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. Renfe informaba os usuarios que unha avaría no tren, que debía saír da estación de Vigo ás 06.40 horas, provocou un atraso de máis dunha hora.
Non se habilitaron autobuses, segundo alertan desde a Plataforma de Usuarios de Renfe Galicia. Moitos pasaxeiros víronse obrigados a buscar solucións alternativas compartindo coches particulares para chegar ao seu destino.
OBRIGADOS A BAIXAR DO TREN EN PONTEVEDRA
A situación máis grave durante as últimas horas producíase na noite do domingo cando o tren que tiña prevista a súa saída da estación de Guixar en Vigo ás 20.25 partía da cidade olívica cun atraso de máis de media hora por "problemas técnicos", segundo a información que se trasladaba desde a estación aos pasaxeiros.
O tren chegaba pasadas as 21.40 horas á estación de Pontevedra e numerosos pasaxeiros quedaron sorprendidos cando se lles indicaba que todos aqueles que non foran directos ata a estación da Coruña debían baixar e esperar a que fosen recollidos por un autobús para trasladarse aos seus destinos.
A maioría de viaxeiros eran estudantes que se trasladaban a Santiago de Compostela. Malia as protestas e da petición de explicacións, os pasaxeiros só obtiveron, segundo testemuñas presenciais, a resposta de que se produciu un problema de axuste de tres vagóns.
Desta forma, os usuarios quedaron ás portas da estación de Pontevedra, moitos deles sentados na beirarrúa, á espera de que chegase un autobús. A espera durou case dúas horas.
Ás 23.20 horas aparecía un primeiro autobús no que non había espazo para todos os viaxeiros que se quedaron en terra, aínda que moitos dos afectados xa chamaran a familiares ou amizades para que lles trasladasen aos seus puntos de destino.
Ás 23.38 horas chegaba un segundo autobús para o resto de pasaxeiros que se mantiñan na estación pontevedresa.
As queixas dos pasaxeiros manifestáronse tamén en redes sociais sinalando que o bus tamén sufrira unha avaría cando ía recollelos.
O bus que tiña que levar as persoas dende Pontevedra a Santiago en sustitucion do Tren 12554 Vigo A Coruña, ¡avariado!
— TrenMediaDistancia_Galicia (@ave_galicia) November 19, 2023
¡acaba de sair de Pontevedra!!
¡¡3 horas mais tarde da hora de saida do tren!!!!
Non entendemos que a imaxe sexa toda a info que da @Renfe
Vergoña!!! pic.twitter.com/j5zZA9Y4Vz