O viveiro de Barro dá a benvida a seis novos proxectos
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este mércores o contrato de cesión de seis espazos do viveiro de empresas do polígono de Barro a outros tantos emprendedores que iniciarán a súa actividade empresarial neste espazo.
Trátase de seis novos proxectos empresariais que desfrutarán ao longo dun ano, con posibilidade de ampliar a súa estancia dous anos máis, dos servizos e vantaxes que a Deputación pon a disposición dos concesionarios neste espazo para facilitar a posta en marcha do seu negocio.
Jose Alfonso González porá en marcha Tecnobelts, unha empresa do sector do transporte e a enxeñaría de procesos; Fidel Abalo lanza Splainn Travel, unha axencia de viaxes en liña; mesmo negocio que ten Nuria Búa entre mans; Carmencitas, de Rubén Mascato é unha empesa de repostería e eventos; mentres que Xesús Graña ten un proxecto de produción e transformación de produtos apícolas e micolóxicos.
Jacobo López, que non puido asistir ao acto, emprende cun comercio dedicado á venda de carne ao por maior.
Nestas instalacións, os cesionarios desfrutarán do acompañamento de profesionais que lles serán de gran axuda para resolver os desafíos que deben afrontar as empresas na súa primeira etapa.
Recibirán asesoramento e terán a posibilidade de beneficiarse dos cursos de formación que oferta a Deputación a través do programa Smart Peme, servizo ubicado neste polígono.
Ademais, teñen a súa disposición un espazo para desenvolver a súa actividade cun alugueiro reducido durante o primeiro ano (153 euros/mes), bonificación que se reduce ao 25% no segundo ano e que desaparece no terceiro. Ademais, o viveiro conta con zonas de coworking e servizos de mantemento, limpeza, seguridade e obras a disposición dos usuarios.
Na actualidade, o viveiro de empresas do polígono de Barro conta con 16 naves e 19 oficinas ocupadas, que dan cabida a un total de 24 proxectos de recente creación. Polo momento, aínda hai cinco espazos sen ocupar.
Ao longo dos seus dez anos de actividade, do viveiro de empresas de Barro saíron un total de 77 proxectos empresariais.
Relacionadas:
-
A empresa Lago proxecta unha planta de elaboración de cárnicos no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Aberto o prazo para inscribirse nunha nova aceleradora para empresas turísticas da provincia
Por Redacción |
-
Barro aproba os orzamentos municipais para o 2024
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobados novos investimentos en Príncipe Felipe e a venda dunha parcela no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Barro aproba o cambio da cuberta do pavillón e a compra do solar da antiga central de Telefónica
Por Redacción |