Expertos de ámbito internacional falan no Pazo Provincial da adaptación tecnolóxica dos destinos turísticos
Por Oskar Viéitez
O salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu este xoves a xornada organizada polo Clúster de Turismo de Galicia, titulada "Rías Baixas: O camiño dos algoritmos".
Neste foro o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a saída a licitación do novo Plan Estratéxico de Turismo para o que a administración provincial destinará 75.000 euros.
Trátase dun proxecto destinado a planificar accións destinadas a atraer visitantes, mellorar a imaxe de Turismo Rías Baixas, promover a creación de estudos turísticos, a coordinación con outras administracións e o tecido turístico empresarial, así como o lanzamento de novos produtos.
O tema desta xornada, que reuniu en Pontevedra a numerosos representantes do sector turístico da provincia e de Galicia, así como de expertos de ámbito nacional e internacional na adaptación tecnolóxica dos destinos turísticos; baseouse na implantación das novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial ou a robótica, nas accións de promoción do destino e atención aos turistas nas Rías Baixas e no conxunto de Galicia.
Os protagonistas das conferencias que se impartiron son nomes importantes do sector tecnolóxico como Javier Sirvent, que falou da IA xenerativa; Elena Ibañez, Virginia Segui e Thais Gold, que trataron temas como a capacitación e o emprego; e Lázaro Royo, Javier Martín e Juan Antonio Gómez, encargados de tratar temas como a xestión dos datos e a ciberseguridade.
A encargada de pechar as intervencións foi a deputada de Turismo, Nava Castro, quen sinalou tamén que "xornadas como estas son tan importantes porque nos permiten escoitar da boca de persoas expertas as últimas tendencias e as proxeccións a curto e medio prazo no tocante á tecnoloxía e ao turismo". Innovacións que veñen da man do big data, das novas maneiras de entender a mobilidade urbana, do espertar da intelixencia artificial ou da adopción da robótica.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, non perdeu a ocasión de agradecer o "espectacular traballo" que está a levar a cabo o sector e que permitiu converter a Galicia "nun referente do turismo nacional, non solo polos seus múltiples atractivos, senón tamén pola calidade dos seus servizos".
Reguera asegurou que moitos dos éxitos alcanzados ata o momento foron froito da colaboración entre as institucións públicas e as entidades privadas e destacou "o saber facer e a honestidade" dos profesionais galegos.
Relacionadas:
-
RADIO.- Óscar Beiro preséntanos a Uxía, unha asistente virtual que se comunica tamén en galego
Por Redacción |
-
Aberto o proceso para contratar a nova folla de ruta turística da provincia
Por Redacción |
-
Pontevedra, o destino de España máis buscado para 2024 en Booking
Por Redacción |
-
Hoteis de Pontevedra denuncian ciberataques a través da súa conta en Booking
Por Redacción |