25N | Rueda demanda en Soutomaior "tolerancia cero" no acto institucional do Día contra a Violencia de Xénero
Por Redacción
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, participaba este sábado no acto institucional con motivo do Día contra a Violencia de Xénero, que se celebraba no Castelo de Soutomaior, organizado pola administración autonómica e a Deputación de Pontevedra.
Durante a súa intervención, o presidente do executivo galego subliñou a importancia de que toda a sociedade se involucre para converter Galicia nunha terra libre de violencias machistas. Neste sentido, Rueda demandaba "tolerancia cero" ante as actitudes de violencia contra as mulleres e a "denuncia permanente" destes casos.
Insistiu en que se trata dunha tarefa colectiva xa que esta violencia "ten moitas caras" e, ademais, considera que é unha das lacras máis "importantes e urxentes" que tratar como sociedade.
O presidente autonómico expuxo o compromiso da Xunta en relación coa igualdade e lembrou que se destinarán 54 millóns de euros nos orzamentos de 2024 para acometer políticas nesta materia. Anunciou, ademais, que o executivo galego lanzará antes do próximo ano un protocolo de seguridade contra as agresións no ámbito do lecer nocturno.
Neste acto tamén participaba o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. No seu discurso tamén incidía en que a erradicación da violencia machista é unha "tarefa de todos".
A xornada contou coa proxección dun vídeo sobre o 25N e desenvolveuse unha mesa redonda sobre prevención e visibilización da violencia en contra das mulleres. Neste debate participaban Marisol Louro, directora do IES Plurilingüe de Ames; María Jesús Pires Juncal, axente da Policía Autonómica; Victoria Cal, médico de familia no Centro de Saúde de Caldas de Reis; Ana Aldao Corral, directora do CIM da Laracha; e Irene Montero,
socia administradora en Octo Comunicación.
Na actualidade, segundo os datos da Deputación de Pontevedra, están rexistrados 1.400 casos activos de violencia machista na provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
25N | Reivindicación cidadá contra quen perpetúa as formas patriarcais e as súas violencias
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
25N | Concentración para gañarlle ao machismo en Soutomaior
Por Redacción |
-
25N | Mensaxe en Marín para as mulleres que sofren maltrato: "Non te esquezas de ti"
Por Redacción |
-
25N | "Querémonos libres, querémonos vivas"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
25N | O alumnado do CEIP San Xoán Bautista concéntrase en repulsa da violencia de xénero
Por Redacción |
-
25N | Bolboretas do IES de Ponte Caldelas voan ata A Lama para conmemorar o 25-N
Por Oskar Viéitez |
-
25N | Parón institucional en Poio contra "a forma máis extrema de discriminación"
Por Oskar Viéitez |