25N | Bolboretas do IES de Ponte Caldelas voan ata A Lama para conmemorar o 25-N
Por Oskar Viéitez
O Concello da Lama conmemorou o 25-N cun acto sinxelo no que se colocaron as 52 bolboretas, elaboradas polo alumnado de 1º, 3º e 4º da ESO do IES Ponte Caldelas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, unha por cada vítima mortal da violencia machista rexistrada en España no que vai de ano.
A encargada de ler o manifesto foi a concelleira de Muller, Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, quen sinalou que "entre as claves para loitar contra este tipo de violencia está avanzar na prevención, na educación e nunha lexislación axeitada que evite a impunidade".
O alcalde, David Carrera, agradeceu a implicación do Centro de Información á Muller (CIM) nos labores tanto preventivos como de acompañamento ás vítimas da violencia de xénero e fixo votos para que esta lacra social remate canto antes.
Tamén lembrou que o CIM da Lama está a levar a cabo un programa de actividades ao abeiro das axudas a concellos menores de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
25N | Rueda demanda en Soutomaior "tolerancia cero" no acto institucional do Día contra a Violencia de Xénero
Por Redacción |
-
25N | O 7,5% das vítimas de violencia machista que acoden ao CIM de Vilagarcía son menores de 24 anos
Por Redacción |
-
O 25N conmemórase na Lama traballando cos escolares sobre violencia machista e igualdade
Por Redacción |