Detidas catro persoas que vendían haxix e marihuana no centro histórico de Pontevedra
Por Natalia Puga
Unha operación conxunta das policías Local e Nacional de Pontevedra permitiu desarticular un punto negro de venda de haxix e marihuana no centro histórico e a detención de catro persoas.
A operación, denominada Barro, permitiu dar por desarticulado un grupo criminal ao que pertencían estas catro persoas e que se dedicaba á venda e distribución de drogas en diferentes locais de lecer rexentados polo xefe do grupo.
As investigacións iniciáronse a finais de setembro, cando o grupo Udyco 1 da Policía Nacional recibiu informacións sobre a localización de distintos puntos de venda polo miúdo en varios locais do centro histórico. A partir de aí, empezaron a colaborar co grupo SAI da Policía Local.
Durante meses, as policías Local e Nacional realizaron actuacións coordinadas e lograron determinar a identidade da persoa responsable do grupo criminal, composto por outras tres persoas con roles diferenciados no armazón.
A droga vendíana nun domicilio no centro de Pontevedra e en dous locais de lecer na zona monumental, utilizados para diversificar tanto as vendas de substancias como os lugares de distribución.
O día 30 de outubro os axentes interceptaron un vehículo nas inmediacións do domicilio do xefe e no interior atoparon 10 paquetes de haxix cun peso total dun quilo.
Os axentes levaron a cabo dúas detencións máis cun cómputo total de catro detidos e a incautación de 20 paquetes de haxix cun peso aproximado de 100 gramos cada un, así como varias doses de marihuana e haxix, preparadas para a súa distribución polo miúdo, básculas de precisión e material para a preparación de diferentes doses.
Ademais, realizaron un rexistro domiciliario na Rúa da Pedreira no que se interviñeron múltiples doses de haxix e marihuana, ademais de útiles para a súa preparación e distribución.