Inaugurada a nova edición das Xornadas Blanco Freijeiro, que se estenderá durante toda a semana
Por Redacción
A concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, inaugurou este luns as XXII Xornadas Blanco Freijeiro, xunto co coordinador do ciclo, Juan Castro, na Biblioteca Municipal Vidal Pazos.
Rodríguez animou a todos os participantes, que estarán toda a semana asistindo aos distintos relatorios, a que desfruten "destas conferencias, que xa son unha referencia no eido da divulgación arqueolóxica e patrimonial".
O tema escollido para esta edición das Xornadas está relacionado coa recente creación dunha Sala de Arqueoloxía no Museo Torres, que comezou a súa programación cunha exposición temporal sobre o mundo romano en Marín. As Xornadas reforzan esa temática e pechan o círculo, tratando o que supuxo a chegada de Roma ao noroeste peninsular, ao que os romanos denominaron Gallaecia.
Os distintos relatorios xiran en torno a esta idea. Dous deles estarán dedicados a dúas das tres capitais, Lucus Augusti, actual Lugo, e Bracara Augusta, actual Braga. A terceira foi Asturica Augusta, actual Astorga. As persoas que asistan poderán coñecer o papel que xogaron estas cidades no proceso de romanización do noroeste ou na administración do territorio, ademais do seu urbanismo e arquitectura.
Pero a primeira conferencia tratará sobre o campamento romano de Aquis Querquennis, localizado no concello de Bande, no suroeste da provincial de Ourense. Este campamento está vinculado á vía romana XVIII, coñecida como Vía Nova, e a conferencia permitirá coñecer este asentamento e tamén como era ese poderoso exército romano.
O último relatorio estará dedicado a un tema moi complexo nuns séculos de tantos cambios; o da relixiosidade. Roma chega co seu panteón de deuses a unha Galicia na que existía unha relixiosidade distinta, que se foi forxando durante a Idade do Ferro. Ademais, por se isto fora pouco, paulatinamente se asenta unha nova relixión, que acabará impoñéndose a todas as demais crenzas: o cristianismo.
Para remate, na excursión coa que se pecharán as Xornadas, os participantes desprazaranse ata Allariz, para coñecer a cidade romana de Armea, un espectacular xacemento no que se leva escavando de xeito ininterrompido dende hai trece anos.
Falarán ademais da sauna galaico-romana do Forno da Moura situada nas inmediacións.