As XXII Xornadas Blanco Freijeiro abordarán do 27 de novembro ao 3 de decembro a chegada de Roma a Galicia
Por Redacción
As XXII Xornadas Blanco Freijeiro volven a Marín este outono. Celebraranse do 27 de novembro ao 3 de decembro na Biblioteca Municipal Vidal Pazos e este ano abordarán o impacto da chegada de Roma ao noroeste peninsular, ao que os romanos denominaron Gallaecia.
O tema escollido para esta edición está relacionado coa recente creación dunha Sala de Arqueoloxía no Museo Torres, que comezou a súa programación cunha exposición temporal sobre o mundo romano en Marín.
A concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, presentou as xornadas este sábado acompañada polo coordinador do ciclo, Juan Castro, e a sobriña de Blanco Freijeiro, María Sancho.
A inscrición será gratuita e pode realizarse a través do mail xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.
Dous relatorios estarán dedicados a dúas das tres capitais, Lucus Augusti, actual Lugo, e Bracara Augusta, actual Braga. A terceira foi Asturica Augusta, actual Astorga.
Nestas xornadas vaise coñecer o papel que xogaron estas cidades no proceso de romanización do noroeste ou na administración do territorio, ademais do seu urbanismo e arquitectura.
A primeira conferencia tratará sobre o campamento romano de Aquis Querquennis, localizado no concello de Bande, no suroeste da provincial de Ourense e o último relatorio estará dedicado a un tema moi complexo nuns séculos de tantos cambios, o da relixiosidade.
As xornadas pecharán cunha excursión a Allariz para coñecer a cidade romana de Armea, un espectacular xacemento no que se leva escavando de xeito ininterrompido dende hai trece anos. Tamén permitirá coñecer a fermosa sauna galaico-romana do Forno da Moura, situada nas inmediacións.
Relacionadas:
-
Inaugurada a nova edición das Xornadas Blanco Freijeiro, que se estenderá durante toda a semana
Por Redacción |
-
Antonio Blanco Freijeiro xa é fillo predilecto de Marín
Por Redacción |
-
As Blanco Freijeiro poñen en valor o patrimonio e a arqueoloxía
Por Redacción |
-
As Xornadas Blanco Freijeiro máis especiais serán do 22 ao 28 de novembro
Por Redacción |
-
O pleno de Marín aproba o nomeamento de Blanco Freijeiro como fillo predilecto
Por Redacción |