O Maratón Solidario de Zumba volve polo Nadal para axudar o comedor de San Francisco
Por Redacción
O Pavillón Universitario de Pontevedra acollerá o vindeiro 14 de decembro unha das citas xa obrigadas de cada Nadal na cidade, o Maratón Solidario de Zumba organizado polo Universidade de Vigo.
Esta cita é xa toda unha institución, pois este ano chega á súa 19 edición. Desde hai preto de dúas décadas, cada ano, nas semanas previas ao Nadal, esta actividade que busca á súa vez contribuír ao labor social que desenvolven no comedor de San Francisco e promover a práctica de actividade física.
Promovido pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, trátase dunha actividade aberta a toda a cidadanía, á que se lle solicita que achegue cando menos un quilo de alimentos non perecedoiros a modo de entrada.
O XIX Maratón Solidario de Zumba desenvolverase entre as 19.00 e as 21.00 horas e está aberto a que todas as persoas poidan participar o tempo que queiran.
O técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro explica que a animación correrá a cargo de Bruno Hermida, quen xunto cun equipo de monitores e monitoras encargarase de guiar ás persoas asistentes nunha serie de coreografías que combinan os exercicios aeróbicos cos pasos de baile.
O maratón contará coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que achegarán bebidas, froitas e barras para as persoas participantes.
A actividade está aberta tamén a aqueles e aquelas que non poidan sumarse ao maratón pero si achegar alimentos. En 2022 reuniron preto de 250 quilos de alimentos.