Fondos europeos permitirán a Sanxenxo renovar o sendeiro de Major
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo renovará a ponte, a pasarela e a varanda do sendeiro litoral de Major que se atopa na actualidade nun importante estado de deterioración.
Por motivos de seguridade e ante a inestabilidade das madeiras da senda, os servizos de emerxencia chegaron a precintar o paso para evitar caídas.
Esta actuación, que custará uns 48.375 euros, inclúe tamén a adaptación e mellora dos baños de Foxo.
Os traballos na pasarela consistirán na construción dunha ponte de plástico reciclado, con acabado similar á madeira, composto por vigas encapsuladas de aceiro galvanizado con plástico de 200x100 milímetros de sección, entarimado de táboa de plástico reciclado ranurada de 150x30 milímetros de sección e varanda antiescalable de táboa e pasamans.
Nos baños, a obra consistirá na rehabilitación de estrutura de vigas de piares de aceiro galvanizado, o chan será de taboleiro de madeira fenólica con pavimento de lamas vinílicas acabado en madeira.
O baño completarase con sete inodoros, un deles adaptado, tres lavabos, tres espellos e cambiador de cueiros. Tamén colocaranse colgadoiros, xaboneiras e dispensadores de hidroxel.