Na procura de catro vellos mariñeiros para gravar tres 'spots' en Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra acollerá a gravación do seu primeiro proxecto publicitario coa rodaxe de tres spots que formarán parte dunha campaña multimedia para promocionar senllas marcas de viños galegos.
A concelleira de Promoción económica, Carlota Román, presentou este martes esta iniciativa xunto con Isaac González e Antón Veiga, da promotora "Elemental Chefs". A campaña terá un gran impacto en Galicia a través de anuncios de televisión, Internet, publicidade exterior e prensa.
Os spots dos viños Gran Alanís (Ribeiro), Miudiño (Albariño) e Rectoral de Amandi (Ribeira Sacra) gravaranse á noitiña dos días 18, 19 e 20 de febreiro no salón do Liceo Casino. Os tres comerciais parten da idea dunha gran festa á que acoden personaxes das cancións populares galegas, con música e ambientación propias do personaxe, pero levando a estética ao momento actual. Carolina (A saia da Carolina), o Sacristán de Coímbra e Carmiña (Vén bailar Carmiña) serán os protagonistas principais.
Estarán acompañados de personaxes secundarios doutras cancións, como os Catro Vellos Mariñeiros, A Rianxeira... A música, pasada pola peneira do grupo "Weli Kings", fai soar dun xeito novo estas coñecidas pezas do cancioneiro galego.
A asistencia ás sesións de rodaxe é libre ata cubrir o aforo.
A produtora organiza un casting para cubrir postos de figurantes e mesmo algúns papeis protagonistas (entre eles os dos Catro Vellos Mariñeiros). Búscanse persoas adultas de diversas idades. Será na Casa da Luz este xoves día 6, entre 12 e 14 horas e entre 16.30 e 18.30 horas.