O conselleiro Román Rodríguez agarda que o Museo Massó sexa unha referencia do patrimonio mariñeiro tras as obras
Por Redacción
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, visitaba este venres o Museo Massó de Bueu, que se atopa en obras de ampliación e mellora.
A Xunta de Galicia executa estes traballos cun orzamento de 1,1 millón de euros. A intención, segundo o conselleiro, é situar a este museo no ano 2024 como "unha referencia de primeiro nivel na conservación e divulgación do patrimonio mariñeiro".
Román Rodríguez visitaba as instalacións acompañado polo alcalde Félix Juncal e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
"Os traballos que estamos a levar a cabo suporán un antes e un despois para Bueu e para toda Galicia ao recuperar unha edificación histórica que é un símbolo para esta vila e incorporar novas zonas de visita ao museo", afirmaba o conselleiro.
O proxecto permitirá que diversos fondos poidan atoparse ao dispor do público durante as visitas. "Son obxectos de gran valor que actualmente permanecen gardados e que en moitos casos están relacionados coa figura de Urbano Lugrís, do que conmemoraremos o 50 aniversario do seu falecemento o próximo 23 de decembro", explicou.
A obra é "complexa", segundo indicou o titular de Cultura, ao obrigar ao traslado de pezas como embarcacións, instalar maquinaria e a necesidade de contar coa colaboración de arqueólogos para realizar catas. Durante as obras, foron trasladadas once embarcacións de gran tamaño e antigüidade e localizáronse 54 pesos empregados para a maduración do anchoado que quedarán depositados no propio museo.
Un dos obxectivos destas obras actualmente en marcha é resolver os problemas da envolvente do edificio e do acondicionamento das salas. Está a actuarse sobre as cubertas e a fachada á praza Massó, así como na Sala Lugrís e Salgadura Piñeiro. Tamén se executan tarefas nas naves da antiga conserveira e de atadores para mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade.
No primeiro piso, a intención é recuperar a estrutura da antiga Salgadura de Piñeiro para poñer en valor as estruturas orixinais de pedra.
Tamén está previsto mellorar a ventilación natural do espazo substituíndo os peches de vidro por reixas. Por último, na fachada cara á rúa Montero Ríos repoñerase a estrutura de madeira da zona balconada e tratarase a fachada de pedra.
No segundo piso, a actuación busca a recuperación do espazo orixinal da antiga tribuna e acondicionalo para que sirva de sala permanente dedicada a Urbano Lugrís. Entre as obras para expoñer atópase a serie de seis pinturas de gran formato realizada nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupa preto de 300 metros lineais.
Farase unha posta en valor da estrutura da cuberta das antigas conserveiras realizada con eucalipto e pendente para incorporala ao discurso expositivo mediante unha zona acristalada que permita mostrar a estrutura desde a sala de exposicións temporais.
Tamén se construirá unha nova fachada cara á Praza Massó e habilitarase unha nova sala de incendios con melloras nos accesos ao espazo museístico.