Adquiren dúas obras de Urbano Lugrís para enriquecer a colección marítima do Museo Massó
Por Redacción
O Museo Massó de Bueu conta desde este venres con dúas novas pezas. Trátase das obras 'A arca de Noé' e 'Veleiro' do artista Urbano Lugrís, adquiridas pola Xunta de Galicia e presentadas polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola directora do museo, Covadonga López.
O director salientou que son "dúas pezas en moi bo estado de conservación", que se sumarán a outras pezas de Lugrís xa existentes no museo, encaixando así na colección do museo polo lugar que ocupa este autor nos seus contidos, polo valor das pezas e pola súa estreita vinculación coa familia Massó.
Nelas reflicte a particular iconografía do mundo da navegación, "o que lle outorga diferentes lecturas dentro do discurso do museo e poden relacionarse coa serie de maquetas que representan a historia da navegación e que ilustran o Políptico da Navegación", puntualizou Lorenzo.
Esta obra foi realizada por Lugrís no ano 1944 por encargo de José María Massó e executada sobre 36 pezas de cerámica, a modo de azulexos, encaixadas nunha estrutura e marco de madeira cun tríptico no centro. Nel faise un percorrido pola historia da construción naval.
Estas pezas súmanse aos seis lenzos do comedor das empregadas, a serie completa de bosquexos que realizou Lugrís para o proxecto da capela dos Santos Reis, anuarios de Vigo e libros como 'Los paisajes iluminados', con portadas e ilustracións da súa autoría.
No museo tamén está unha carta de Lugrís dirixida a Antonio Massó e unha fotografía tomada en Vigo, diante do edificio da empresa e en compañía con Fernado Massó. Todas estas obras e documentos pertenceron ou teñen a súa orixe a partir da iniciativa da familia Massó.
Con estes dous novos bosquexos, ademais da adquisición no 2018 dun debuxo para a publicidade de Pescanova e varias doazóns realizadas pola familia Massó, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quere "completar o relato da futura sala da exposición permanente dedicada a Urbano Lugrís", concluíu o director xeral de Cultura.
Os traballos de ampliación do museo contan cun investimento de 1,1 millóns de euros e está previsto que rematen "o próximo verán".