O Museo Masso, preparado para o "paso adiante" que dará desde esta primavera
Por Redacción
A Xunta de Galicia prevé que a adxudicación das obras de ampliación do Museo Massó, en Bueu, poida estar resolta esta mesma primavera. Estes traballos, que suporán un "paso adiante" para este museo, teñen un orzamento de 1,2 millóns de euros.
Esta ampliación, segundo destacou este luns o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, permitirá "recuperar elementos do noso patrimonio coa rehabilitación de históricas edificacións e valiosos fondos", ampliando e divulgando o legado da historia de Galicia.
As actuacións previstas no Museo Massó van encamiñadas a mellorar as condicións de uso e recuperar e restaurar as estruturas históricas descubertas que amosan o valor patrimonial da arquitectura industrial de finais do século XIX, e a súa posta en valor.
Ademais, buscan mellorar as condicións enerxéticas do edificio, para o que se actuará nas cubertas e fachadas con solucións que incorporarán illamento térmico e optimizarán o fluxo de enerxía e dotarase de maior seguridade e accesibilidade aos edificios.
En concreto, no primeiro andar recuperarase a estrutura tipolóxica da antiga salazón da Salgadura Piñeiro e poranse en valor as estruturas orixinais de pedra ao tempo que se vai mellorar a ventilación natural do espazo substituíndo os peches de vidro por reixas.
No andar superior a actuación pretende recuperar o espazo orixinal da antiga tribuna e acondicionalo para que sirva de sala de exposición dedicada a Urbano Lugrís, iniciada en 2021, para integrala na exposición permanente.
Isto permitirá mostrarlle ao público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan cerca de 300 metros lineais.
Na fachada cara a rúa Montero Ríos reporase a estrutura de madeira da zona balconada e tratarase a fachada de pedra.
Os traballos complétanse nas antigas conserveiras, onde se fará unha posta en valor da estrutura da cuberta das naves realizada con tesoiras de madeira de eucalipto e tesoiras mixtas de madeira de eucalipto e pino.
De feito, preténdese incorporar a singularidade desta estrutura espacial de tesoiras no discurso expositivo para o que se prevé incluír unha zona acristalada superior para facer visible o resto da estrutura desde a sala de exposicións temporais.
Por último, construirase unha nova fachada de cara a Praza Massó e habilitarase unha nova sala de incendios, mentres que na Casa Mariñeira melloraranse as condicións de accesibilidade e seguridade de incendios e actuarase na fachada de pedra cara a rúa Montero Ríos.
A maiores, o proxecto prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.
Relacionadas:
-
Adquiren dúas obras de Urbano Lugrís para enriquecer a colección marítima do Museo Massó
Por Redacción |
-
O conselleiro Román Rodríguez agarda que o Museo Massó sexa unha referencia do patrimonio mariñeiro tras as obras
Por Redacción |
-
Arrancan as obras de ampliación do Museo Massó
Por Redacción |
-
Seis meses de obras para acondicionar a Sala do Bueu Romano
Por Redacción |
-
O Museo Massó abre os seus fondos de cartografía marítima histórica
Por Redacción |
-
Vinte empresas interésanse polo proxecto de recuperación do Museo Massó de Bueu
Por Redacción |