Pezas de Mozart, Gounod, Chueca e Strauss no Concerto de Nadal da Orquestra Clásica de Vigo
Por Mónica Patxot & Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores o Concerto de Nadal que a Universidade de Vigo promove cada ano nestas datas e que retornou a Pontevedra neste 2023.
A Orquesta Clásica de Vigo, baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava, e o pianista Severino Manuel Ortiz como solista foron os protagonistas dunha actuación que contou con entrada de balde.
Nada en 1984, a Orquesta Clásica de Vigo é a formación máis antiga de Galicia, a súa traxectoria vén marcada tamén desde os seus inicios pola súa aposta pola formación e pola innovación nos formatos.
Ao longo destas preto de catro décadas, por esta formación pasaron máis de 300 músicos, que en moitos dos casos, como destacan, son hoxe "artistas de primeiro nivel en orquestras nacionais e internacionais".
Desde a súa creación, ten como director a Manuel Martínez Álvarez-Nava, catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo, quen cursou estudos de violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias e de dirección de orquestra co mestre Jaques Bodmer.
Neste Concerto de Nadal, presentou un programa conformado polo Concerto para piano e orquestra en re menor núm. 20 KV466, de Wolfgang Amadeus Mozart; a Marcha fúnebre dunha marioneta, de Charles Gounod; a Jota de los barquilleros "Agua, azucarillos y aguardiente", de Federico Chueca; e Pizzicato-Polka op. 234 e Schatz-Walzer, op. 418, de Johann Strauss.
A orquestra estivo acompañada polo pianista pontevedrés Severino Manuel Ortiz, titulado superior de Piano e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, que completou a súa formación na Academia Superior de Música e Artes Escénicas de Praga. Ortiz Rey ten colaborado como solista coas orquestras Vigo 430, Clásica de Vigo e Filharmónica de Pontevedra, e, como músico de cámara, con solistas como Rusanda Panfili, Lir Vaginsky, Lea Hennino, Cristina Goicea e Sindy Mohamed. Así mesmo, na súa traxectoria destaca tamén o dúo que forma desde hai vinte anos co tenor José Antonio Campo e os proxectos realizados co violinista Mario Peris e o clarinetista Roberto Noite.