Abraham Cupeiro, músico especialista en instrumentos milenarios, ofrecerá dúas actuacións en Soutomaior
Por Anxo Lourido
Abraham Cupeiro chegará o venres 26 de xaneiro a Soutomaior para ofrecer unha tripla sesión musical.
Este artista é un construtor de instrumentos, ademais dun apaixonado recuperador de instrumentos esquecidos na historia. Natural de Sarria, este musicólogo estudou trompeta no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e despois realizou un máster sobre Música Antiga na Universidade Autónoma de Barcelona.
Recentemente foi convidado a probar o Kamix de Tintignac, único aparecido na súa totalidade, xa que Cupeiro é unha das poucas persoas no mundo que toca esta trompeta celta pertencente á Idade de Ferro.
Os seus traballos discográficos 'Pangea' e 'Os sons esquecidos' amosan un universo sonoro cheo de matices e sorpresas.
En Soutomaior ten previsto ofrecer ás 12.00 horas no CEIP Manuel Padín Truiteiro unha sesión e ás 13.00 horas visitará o IES de Soutomaior presentando 'Resoando no pasado', onde presenta un percorrido histórico musical.
Durante a tarde dese venres 26, a partir das 19.00 horas, presentará na Igrexa de San Salvador un concerto gratuíto de 'Os sons esquecidos'.
Desde o Concello de Soutomaior recoñecen que se trata dun privilexio contar coa presenza dun músico destas dimensións con fama internacional e convida á cidadanía para participar do evento.