Dúas mil horas máis para Servizo de Axuda no Fogar en Soutomaior
Por Redacción
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Benestar Social, Rosana Martínez, anunciaron este venres un incremento de dúas mil horas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Este servizo, que se leva a cabo no domicilio, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dunha persoa na súa contorna habitual. Inclúe atencións persoais, domésticas, de acompañamento ou tarefas de carácter persoal como o aseo, cambios posturais ou a administración das medicinas.
A concelleira de Benestar Social destacou nesta xornada que "a licitación co SAF ten un número máximo de horas contratado que no concello de Soutomaior non se estaba levando a cabo deixando sen este servizo tan demandando a moitas das e dos nosos maiores".
Neste 2024 o que fixeron dende a concellería de Benestar Social é coller a licitación ao límite e facer, a maiores, uso das máis de 900 horas gratis que permite dita licitación, e tal e como engade Martínez Boullosa "horas que o anterior Goberno do Partido Popular non utilizaba sendo moi necesarias para as e os usuarios deste servizo, había moitas horas en servizo sen atender por falta de inversión nesta materia".
Pola súa banda o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quixo deixar patente a "prioridade" que para o Goberno de Soutomaior ten o coidado dos maiores, "unha prioridade que seguirá latente durante todo o mandato loitando e facendo todo o que estea nas nosas mans para mellorar a calidade dos servizos que se ofrecen dende a concellería de Benestar Social".