Un curso no Museo percorrerá a historia da indumentaria a través da arte
Por Redacción
O Museo de Pontevedra organiza un curso sobre a historia da indumentaria a través da arte, desde o antigo Exipto á Revolución francesa.
Baixo o título 'Tirando do fío', a formación desenvolverase en dez sesións. A docente e artista Carolina Munáiz dedicará cada sesión a un momento histórico diferente, percorrendo antigo Exipto, Grecia, Roma, Bizancio, a Idade Media, o Renacemento, o Barroco e a Revolución francesa.
O curso celebrarase os mércores a partir do 31 de xaneiro de 19:00 a 20:30 horas no Edificio Castelao, con entrada libre. Aquelas persoas que queiran obter un certificado de asistencia, deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e asistir como mínimo ao 70% das sesións.
Carolina Munáiz explica que "o curso aborda unha aproximación aos cambios históricos substanciais e o seu reflexo nas siluetas, pezas e complementos icónicos de cada período cultural", deténdose en aspectos como "a simboloxía cromática do téxtil, o influente ámbito militar no traxe civil, a convivencia e separación de criterio masculino e feminino, o percorrido das artificiosas pezas interiores ou a propaganda de poder da Casa de Austria e da Coroa francesa".
DE EXIPTO Á REVOLUCIÓN FRANCESA
As primeiras catro sesións do curso aproximaranse ás antigas civilizacións mediterráneas: a cultura téxtil do Antigo Exipto, a adecuación das pezas na Grecia clásica e a consecuente expresión de poder mediante a aparencia en Roma e en Bizancio. As xornadas dedicadas á Idade Media exporán como o traxe cobra relevancia como expoñente social nas monarquías medievais e como, cara ao século XIII, se aprecia un punto de inflexión coa revelación do corpo.
O curso afondará tamén na indumentaria no Renacemento, con valores máis terreais e a ostentación e luxo na clase podente. No Barroco, a teatralidade e a extraversión serán aliadas da imaxe, aínda cando a corte española conseguía manter fama de austeridade. En rumbo contrario á paulatina depuración da silueta do home, os valores preciosistas e de artificio asumidos pola elite feminina europea vivirán o seu esplendor no Versalles do XVIII, mais serán abruptamente rexeitados durante a Revolución francesa.
PROGRAMA COMPLETO
- 31 de xaneiro. O antigo Exipto
- 7 de febreiro. Da Grecia prehelénica á Grecia clásica
- 21 de febreiro. Indumentaria do imperio: Roma
- 28 de febreiro. O luxo bizantino e o medievo europeo
- 6 de marzo. O traxe na Baixa Idade Media
- 13 de marzo. Do Gótico internacional ao Renacemento
- 20 de marzo. O boato renacentista
- 3 de abril. A cultura do Barroco
- 10 de abril. A moda rococó
- 17 de abril. Desenlace revolucionario