'Incrible pero certo' e 'Fumar provoca tose', as delirantes propostas do Cineclube Pontevedra para febreiro
Por Redacción
O Cineclube Pontevedra anuncia a programación do mes de febreiro, que estará adicada ao director e guionista francés Quentin Dupieux, "cuxa hiperprodutiva carreira transita os terreos máis insospeitados do humor absurdo", indican dende a asociación.
No Teatro Principal de Pontevedra proxectaranse dous dos seus máis recentes traballos: Incrible pero certo e Fumar provoca tose, presentados ambos na sección competitiva do festival de Sitges de 2022.
Os dous filmes obtiveron o premio (ex-aequo) ao mellor guión, nunha edición na que Dupieux foi galardoado cun dos Premi Máquina del Temps, cos que o festival catalán recoñece as traxectorias profesionais.
Sempre imprevisible e delirante, Dupieux é especialista en mostrar realidades deformadas, relacións humanas bizarras e situacións surrealistas.
PROGRAMACIÓN MES DE FEBREIRO
Martes 6 de febreiro | 20:30 h | Teatro Principal de Pontevedra
Incrible pero certo (Incroyable mas vrai)
Quentin Dupieux, 2022, Francia, 70 min., VOSE
Sinopse: O matrimonio formado por Alain e Marie atopou a casa dos seus soños. Malia as advertencias do seu axente inmobiliario sobre o que ocorre no soto, non dubidan en mercala. Aos poucos, Marie irase facendo adicta a internarse na planta baixa do seu novo fogar, mentres que a Alain non lle interesa o máis mínimo. Xuntos debaten sobre se compartir o segredo do lugar cos seus veciños ou gardalo só para eles.
Unha divertida e excéntrica comedia instalada nas portas da ciencia ficción, que reflexiona sobre a obsesión da sociedade actual por non envellecer e se burla dos clixés da feminidade e masculinidade tóxicas.
Martes 20 de febreiro | 20:30 h | Teatro Principal de Pontevedra
Fumar provoca tose (Fumer fait tousser)
Quentin Dupieux, 2022, Francia, 80 min., VOSE
Sinopse: Tras unha feroz batalla contra unha tartaruga xigante maligna, o equipo de superheroes coñecido como Forzas do Tabaco tómase unha fin de semana de descanso para fortalecer a cohesión do grupo e volver con forzas renovadas ás súas tarefas de salvar o mundo. A súa estancia transcorre ben até que Lézardin, Emperador do Mal, decide aniquilar o planeta Terra.
En palabras do director, "unha comedia rica en referencias do pasado (Power Rangers, Creepshow, San Ku, Kai, Halloween...) co simple e nobre propósito de entreter un público abatido polo presente".
Relacionadas:
-
O Cineclube Pontevedra dedicaralle o mes de abril á libanesa Jocelyne Saab e ao finlandés Aki Kaurismäki
Por Oskar Viéitez |
-
O Salón do Libro programa tres matinés de cinema familiar
Por Oskar Viéitez |
-
Cineclube Pontevedra dedica o mes de marzo a Víctor Erice
Por Oskar Viéitez |
-
A Facultade de Comunicación estrea Aula de Cine que acollerá desde agora a Máster Class do Audiovisual Galego
Por Redacción |
-
A aclamada "Anatomía dunha caída" chega ao Cineclube
Por Redacción |
-
O Cineclube Pontevedra proxectará os últimos traballos de Justine Triet e de Aki Kaurismäki
Por Redacción |
-
"O sol do futuro", a última película de Nanni Moretti, chega a Pontevedra a través do Cineclube
Por Redacción |