La Oreja de Van Gogh e Álvaro de Luna abrirán un SonRías Baixas que pecharán Tanxugueiras y Rayden
Por Redacción
Quedan catro meses para unha nova edición do festival SonRías Baixas, que se celebrará en Bueu os días 1, 2 e 3 de agosto, pero a organización quere que o público vaia preparando as súas axendas e anunciou a distribución por días de todos os seus concertos.
Así, a vixésimo primeira edición do festival comezará o xoves 1 de agosto cunha xornada encabezada por La Oreja de Van Gogh, que en pleno proceso de composición do seu próximo álbum, percorrerán na súa actuación toda a súa exitosa traxectoria.
Xunto a eles subirán ao escenario Álvaro de Luna, que presentará "Uno", o seu novo disco; a banda 'indie' La La Love You, que adiantarán os temas do seu próximo traballo musical; ou Anabel Lee, coa súa mestura de punk británico, noise, new wave e punk rock.
A enerxía dunha banda referente do rock nacional como Sexy Zebras, a fusión de flamenco e reggae de Morochos e a proposta electropop de Sabela, que interpretará as cancións do seu disco "Ceniza", completarán esta primeira sesión do Son Rías Baixas.
Rozalén visitará Bueu o venres 2 de agosto con novo disco baixo o brazo, "El abrazo" e repasará os grandes éxitos dunha carreira que non para de medrar. Será o prato forte do día.
Desde Holanda aterrarán Chef’Special coa súa mestura de rock, hip-hop e reggae; e Travis Birds debullará o seu último álbum "Perro Deseo". A representación galega do día correrá a cargo de Fillas de Cassandra e o seu hipnótico show "Últimas Dionisíacas".
Completarán este segundo día os ritmos latinos e de raíz unidos ao urbano actual de Muerdo, a irreverencia e as letras acedas e divertidas de La Élite, o mix entre o funk, o rock progresivo, o metal e a música clásica de Gilipojazz e a 'rave' coregrafiada de Cool Nenas.
O sábado 3 de agosto será o día grande do SonRías Baixas, que contará cun dos buques insignia da música galega, Tanxugueiras, e coa última actuación de Rayden en Galicia, que aproveitará para presentar as cancións de "La victoria imposible", o seu sétimo álbum en solitario.
Estarán acompañados de Ginebras, que demostrarán por que son unha das bandas con máis proxección dos últimos anos grazas aos seus temas indie pop con selo propio e as súas letras autobiográficas contadas con moito humor.
The Rapants presentarán o seu terceiro álbum, "La máquina del buen rollo", infestado de melodías de herdanza disco, rock e mesmo hip hop; Emlan mostrará o seu pop rock optimista e esperanzador, e o bo rollo continuará grazas a Mr. Kilombo e "Todo este caos", o seu novo disco.
Para pechar este último día de festival, Mondra achegará o folk festivo e revolucionario do seu performance "Folía das ardentes" e Inés Hernand ofrecerá un DJ set cunha selección de temas que combinarán a diversión e a enerxía á que sempre nos ten afeitos.
Relacionadas:
-
"Tiro de saída" para os Rías Baixas Fest, que se abren á incorporación de novos festivais
Por Alejandro Espiño |
-
La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, no SonRías Baixas 2024
Por Alejandro Espiño |
-
O SonRías Baixas xa ten datas para 2024: do 1 ao 3 de agosto
Por Redacción |