Pérez Varela na presentación da Feira do Libro de Pontevedra?
Por Oskar Viéitez
Tíñao anotado sobre a mesa para non se confundir, aínda así o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores trabucouse de nome ao presentar a Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, chamándoo Xesús Pérez Varela. O lapso provocou unha gargallada entre todos os asistentes á rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Pontevedra.
"¿En qué estarías pensando querido alcalde?", dixo o conselleiro. "Estaba a pensar na Cidade da Cultura, seguramente", engadiu.
Á marxe desta anécdota, Xesús Vázquez, explicou que a Feira abrirá as súas portas do 6 a 11 de maio no Paseo Odriozola, fronte á praza da Ferrería. Contará con 11 casetas das que 6 serán de librarías da cidade de Pontevedra.
A Feira do Libro abrirá as súas portas do 6 a 11 de maio no Paseo Odriozola
Como novidades estará presente a ONCE, que organizará un taller de escritura en braille, ademais esta edición reforzarase o papel da biblioteca nodal Antonio Odriozola, cunha caseta na que vai poñer a disposición dos visitantes unha sala de lectura infantil, así como parte dos fondos da súa colección, e na que os visitantes poderán informarse sobre os servizos e actividades como un club de lectura en galego ou contacontos, mesmo facerse socios.
Ademais fomentarase a participación dos centros de ensino, xa confirmaron a súa presenza os alumnos do Colexio Inmaculada (Marín) e do CEIP Álvarez Limeses (Pontevedra).
Na rolda de prensa participaron, ademais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Xesús Vázquez destacou o traballo da Federación de Librarías de Galicia en pro da dinamización cultural, e felicitounos "por ser conscientes da necesidade de innovar, o que queda de manifesto coa nova aplicación para teléfonos e dispositivos móbiles que van lanzar nos próximos días sobre as Feiras do Libro".
Trátase dunha aplicación na que se poderá acceder aos programas de actividades de cada unha das 12 Feiras do Libro de Galicia e que estará a disposición de todos os interesados proximamente a través do código QR que poderá obterse no propio cartel das feiras.