O FIC Bueu 2014 baixa o telón coa presenza de cineastas estranxeiros
Por Redacción
A sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC Bueu) 2014 baixa o telón este sábado despois dunha semana de proxeccións cunha xornada de marcado carácter internacional. O remate final será pola noite cunha gala de clausura na que participarán cineastas estranxeiros, pero, pola tarde, directores galegos e foráneos participarán nun encontro promovido pola asociación de realizadores Crea.
O encontro terá lugar no bar Aturuxo a partir das 18.00 horas. Co título 'De cañas con Crea', está aberto a todas as persoas que desexen compartir experiencias e reflexións arredor do cinema. A cerimonia de clausura, na que se proxectarán os filmes gañadores dos tres premios principais, dará comezo ás 21.30 horas no Centro Social do Mar, con entrada libre.
Representantes de distintas cintas españolas e internacionais en competición acudirán á entrega dos galardóns, mentres que outros estarán presentes de xeito virtual. O actor César Aldea volverá conducir o acto, amenizado este ano con música en directo da man de Severiano Casalderrey, que interpretará ao piano algunhas das bandas sonoras máis recoñecidas da historia do cine.
A gala arrincará cunha homenaxe que consistirá na proxección dun fragmento dun filme e mais dun vídeo. Se en anos anteriores se lembrou ás familias desafiuzadas ou se denunciou a supresión do programa radiofónico 'Carne cruda', haberá que agardar a este sábado pola noite para desvelar a mención deste ano.
Ao longo de toda a semana, unha media de 500 espectadores asistiu cada día ás proxeccións, onde nesta edición se exhibiron 27 curtametraxes das 932 que recibiu a organización. O xurado está integrado polos especialistas Martin Pawley, Manuel Precedo e Analía G. Alonso. Toda a información e imaxes do festival permanecen dispoñibles en www.ficbueu.com e na páxina de Facebook.
Relacionadas:
-
Bueu, o oráculo dos premios Oscar
Por Redacción |
-
O filme francés La lampe au beurre de Yak gaña o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Cinco curtametraxes europeas pechan as proxeccións da sétima edición do FIC Bueu
Por Redacción |
-
Directores galegos e internacionais debatirán sobre o cine no marco do FIC Bueu
Por Redacción |
-
Seis producións internacionais abren con éxito o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
O FIC Bueu aumenta este ano as cintas proxectadas en resposta ao aumento da participación
Por Redacción |