Os de Algures reivindican a faceta como gaiteiro de Perfecto Feijóo no 80 aniversario da súa morte
Por Alejandro Espiño
A Perfecto Feijóo coñéceno todos os pontevedreses. Como boticario da Peregrina e dono de Ravachol gañouse a simpatía de toda a cidade, pero moitos descoñecen o gran labor cultural que realizou ca súa outra gran faceta, a de gaiteiro. E por iso, coincidindo co oitenta aniversario do seu falecemento, a asociación cultural Os de Algures organiza un espectáculo para reivindicar a súa figura.
Terá lugar este sábado 31 de xaneiro, a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal. Baixo o nome Perfecto Feijóo na memoria da Boa Vila, Os de Algures renderán homenaxe ao coñecido como 'gaiteiro do Lérez', fundador do primeiro coro de Galicia, Aires da Terra en 1883, e que se significou na recuperación de melodías e cancións que estaban desaparecendo, no uso do traxe tradicional galego e na divulgación da nosa música.
Seguindo un repertorio que intenta ser o máis fiel posible a unha grabación que data de 1904, respectando as coplas, arreglos corais e a instrumentación empregada por Aires da Terra, o espectáculo contará tamén cunha parte teatralizada que irá repasando a traxectoria do coro a partir de cinco fotografías da época, narradas a través dunha voz en off.
Ademais, para manter o máximo rigor no vestuario, as compoñentes de Os de Algures levarán traxes tradicionais da colección de Alberto Golpe, todos eles de máis de 150 anos de antigüidade; mentres que os mozos vestirán con traxes da colección privada de José Luís Rodríguez.
Mentres se cambia a escenografía de cada unha das escenas, o grupo de música tradicional Boa Vila amenizará os entreactos con outros temas do repertorio de Perfecto Feijóo que non foron gravados por Aires da Terra, pezas arranxadas cunha formación máis moderna e que inclúen instrumentos que non son da época como clarinete ou zanfoña.
As voces correrán a cargo do coro Gli Appasionati.
A entrada ao espectáculo é gratuito ata completar aforamento.