Amor, soños e morriña conviven na nova cita teatral de Afundación: 'En construcción'
Por Redacción
A tempada de aboamento de teatro da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) continúa en Pontevedra da man da obra En construcción, que chegará ao escenario auditorio da sede de Augusto González Besada o venres 20 de febreiro ás 20.30 horas.
As entradas están dispoñibles na web de Servinova, www.servinova.com, e no despacho telefónico, 902 504 500. Ademais do aforro que supón o aboamento para todas aquelas persoas que o adquiriron, un 20% con respecto aos prezos dos billetes soltos, a fundación galega ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para desempregados, xubilados e mozos que supoñen unha rebaixa adicional dun 10% no prezo das entradas.
En construcción, dirixida por Tristán Ulloa, está protagonizada polos actores arxentinos Carolina Román e Nelson Dante, que son tamén os autores do texto orixinal da obra. O proxecto naceu como un texto breve, de apenas vinte minutos de representación, escrito polos dous actores arxentinos que rexentaban un local no Barrio das Letras de Bos Aires no que daban clases de tango.
A obra orixinal, que contaba a historia dunha parella, Sole e Pablo, que chega a Madrid fuxindo do corralito, con Sofía, o seu bebé, conectou co público inmediatamente e, a raíz do éxito, ampliaron o texto. En construcción convértese así na súa versión ampliada, de aproximadamente unha hora e media de duración, nunha obra onde os seus protagonistas levan xa varios anos vivindo en Madrid e comproban como a súa situación se volve día a día máis precaria.
Os protagonistas da obra chegaron a España crendo na salvación do soño europeo e hoxe, vendo como a súa situación se volve cada día máis precaria, xorden as preguntas, volver?, onde quedan os logros, os anos de esforzo por unha vida digna? A idea de retorno deixa de ser unha fantasía chea de nostalxia para converterse nunha necesidade que dividirá á parella.
Relacionadas:
-
"Al final de la carretera", unha divertida mirada á crise dos 40, chega este sábado a Pontevedra
Por Redacción |
-
Afundación trae a Pontevedra "VIP", o novo espectáculo de Els Joglars
Por Redacción |
-
Como sobrevivir á perda do emprego da man de María Galiana e Juan Echanove
Por Diego Torrado |
-
As 'conversas' entre María Galiana e Juan Echanove, primeira cita teatral de 2015 en Afundación
Por Redacción |
-
A tempada teatral de Afundación para 2015 pon os bonos á venda
Por Redacción |