A cantante de jazz, Terela Gradín, repasa a súa carreira na Casa das Campás
Por Redacción
A Casa das Campás encherase de melodías de jazz este xoves a partir das 20.30 horas coa actuación da cantante compostelá Terela Gradín, que está a consolidar unha importante carreira artística internacional. A intérprete foi premio de fin de carreira no Conservatorio Superior de Música de Navarra e, agora, á fronte dun cuarteto de recoñecidos músicos ofrece un concerto no que revisa os tres discos que suma xa no mercado musical.
Para a artista o concerto supón o regreso a Galicia onde hai anos que non realiza unha actuación ante o público. Nesta ocasión, a cantante estará acompañada polo contrabaixista Juan Cañada e polo pianista Manuel Gutiérrez e o guitarrista Luis Giménez, con quen formou o grupo Tereland en 2013, despois de trasladarse a Pamplona.
No concerto recuperaranse temas das gravacións Lost (2006) e Pascala (2007), ademais dalgunhas das cancións do seu último traballo, Noise (2014). Terela Grandín tamén pasou polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra antes de iniciar a súa carreira con Tereland, unha banda que propón unha combinación de música clásica, jazz e pop independente americano.
A entrada a este concerto é libre ata completar o aforamento.