Un percorrido polos grandes inventos da humanidade, a golpe de percusión
Por Redacción & Mónica Patxot
Máis de oitocentos escolares de centros educativos de Pontevedra e a súa bisbarra asistiron este luns a unha dobre representación da obra Invención, o novo espectáculo da compañía Odaiko Percussion Group. Foi no auditorio do Centro Social de Afundación.
Invención é un percorrido histórico polos grandes inventos da humanidade dende o século XVIII ata a actualidade. Comezan así cos célebres inventos de J. S Bach, creador do que para os musicólogos era o rock da época, para repasar os distintos inventos que xurdiron coa industrialización, a introdución do plástico, etc.
Con este espectáculo, os compoñentes do grupo queren reflectir que o pasado é, en boa medida, un reflexo do futuro e para mostralo, como en cada unha das súas producións, Odaiko Percussion Group, o enxeño e a implicación do público asistente, caracterizaron toda a representación.
Odaiko é unha compañía que toma o seu nome dun tambor tradicional xaponés, que polas súas dimensións, precisa tres persoas para poder tocalo. O grupo nace en Holanda hai 12 anos, integrado hoxe por catro músicos, formados en percusión clásica, contemporánea e jazz.
A súa proposta artística céntrase na exploración da música tradicional multiétnica, na súa variante de percusión, un ámbito pouco explorado debido ás dificultades que supón a diversidade técnico-musical.
Para executalo, nos seus espectáculos poden encontrase instrumentos de orixe oriental (odaikos, gongs), africanos (djembé, dum-dum), latinoamericanos (congas, bongos, maracas), galegos (bombo, pratos, tamboril) e outros de creación recente como a marimba, o vibráfono ou a batería.