O Festival das Cóxegas, nova proposta cultural para o outono pontevedrés
Por Alejandro Espiño
Pontevedra está decidida a reforzar a súa oferta cultural para este outono. Son varias as iniciativas que se están ultimando desde a concellería de Cultura e o Pazo da Cultura para os próximos meses. Unha delas é un evento que foi bautizado como Festival das Cóxegas, unha proposta cultural que busca ofrecer diferentes espectáculos de artes escénicas que poidan ser gozados en familia.
Cabaret, monicreques, danza ou música mestúranse na oferta dun festival que se poñerá en escena os domingos do próximo mes de novembro no auditorio do Pazo da Cultura.
A primeira cita con este novo festival será o domingo 8 de novembro. Estrearase co espectáculo Rolf & Flor en el círculo polar, un concerto para nenos a cargo da banda barcelonesa The Pinker Tones, un dúo recoñecido internacionalmente polos seus traballos de música electrónica. Ofrecerán un musical cargado de enerxía e diversión, a partir da gran aventura que vivirán os seus dous protagonistas no Polo norte.
O 15 de novembro a compañía de Roberto G. Alonso mostrará o seu espectáculo Simplicissimus, a primeira revista musical infantil e familiar. Inspirado nas revistas brancas de mediados do século pasado, rememora en clave dancística todos aqueles números musicais e humorísticos que formaban o universo particular, divertido e anárquico do xénero. Toda unha homenaxe ás varietés, aos tempos dos teatros de madeira e aos decorados de papel pintado.
Pola súa banda, a danza é o proposta programa para o 22 de novembro. Chega da man da compañía Aracaladanza que interpretará sobre o escenario do Pazo da Cultura o espectáculo Constelaciones, co que ofrecen un cóctel de sensacións co que os espectadores poden imaxinarse un universo rescatado de entre as imaxes coas que Joan Miró, mestre da cor, sempre nos desafiou nos seus cadros.
A primeira edición do Festival das Cóxegas chegará ao seu fin o 29 de novembro. E farao cun conto musicado. Trátase de El sastrecillo valiente que se representará con marionetas e que nos propón unha historia chea de humor, de acción e música. Con 22 monicreques de técnicas distintas: luva, varilla, planos ou muppets trátase, sen dúbida, dunha das mellores adaptacións deste conto tradicional.
As entradas para todos estes espectáculos terán un prezo de seis euros por persoa. Poderanse adquirir por anticipado en www.ataquilla.com ou no teléfono 902504500. Ademais, no caso de non esgotarse poderanse comprar no despacho de billetes do Pazo da Cultura desde dúas horas antes do inicio de cada unha das funcións.
Relacionadas:
-
A pintura de Joan Miró toma forma de danza e triunfa no Festival das Cóxegas
Por Diego Torrado |
-
Segunda xornada de 'Cóxegas' no Pazo da Cultura cunha boa dose de danza
Por Redacción |
-
'Simplicissimus', a primeira revista de variedades infantil, o domingo no Festival das Cóxegas
Por Redacción |
-
The Pinker Tones poñen música en Pontevedra ás aventuras polares de Rolf e Flor
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
"Rolf & Flor" e The Pinker Tones, primeiros protagonistas do Festival das Cóxegas en Pontevedra
Por Redacción |
-
Xa están á venda as entradas para os catro espectáculos do Festival das Cóxegas
Por Alejandro Espiño |