'Simplicissimus', a primeira revista de variedades infantil, o domingo no Festival das Cóxegas
Por Redacción
Da música á danza. O Festival das Cóxegas cambia de rexistro na súa segunda proposta. O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá este domingo 15 de novembro, a partir das seis e media da tarde, a representación do espectáculo Simplicissimus da compañía catalá Roberto G. Alonso.
Simplicissimus é a primeira revista musical infantil e familiar. Inspirado nas revistas brancas de mediados do século pasado, trátase dun espectáculo que rememora en clave dancística todos aqueles números musicais e humorísticos que formaban o universo particular, divertido e anárquico do xénero.
Segundo destacan desde a propia compañía é unha proposta surrealista na que a danza clásica, a contemporánea, o music-hall e o claqué combínanse con teatro, clown, monicreques, mimo e acrobacia nun espectáculo cheo de luz, brillo e cor.
Todo un cóctel de pluma e abelorios onde todo é posible, para ser paladeado en familia, descubrindo un mundo novo aos máis pequenos e rememorando un pasado non moi afastado para os adultos. Unha homenaxe ás varietés, aos tempos dos teatros de madeira e os decorados de papel pintado.
As entradas para asistir á representación de Simplicissimus, que teñen un prezo de seis euros, pódense adquirir en www.ataquilla.com. No caso de non esgotarse, poderanse conseguir dúas horas antes do inicio no propio Pazo da Cultura.
Relacionadas:
-
A pintura de Joan Miró toma forma de danza e triunfa no Festival das Cóxegas
Por Diego Torrado |
-
Segunda xornada de 'Cóxegas' no Pazo da Cultura cunha boa dose de danza
Por Redacción |
-
The Pinker Tones poñen música en Pontevedra ás aventuras polares de Rolf e Flor
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Xa están á venda as entradas para os catro espectáculos do Festival das Cóxegas
Por Alejandro Espiño |
-
O Festival das Cóxegas, nova proposta cultural para o outono pontevedrés
Por Alejandro Espiño |