Segundo asalto de Ponteatro da man de 'Perplexo', unha comedia delirante e contemporánea
Por Redacción
O ciclo Ponteatro 2015 segue a encher o Teatro Principal de bo espectáculo. Este xoves 22 volve coa obra Perplexo, de Ilmaquinario Teatro, que de poderá gozar tanto en horario matinal -para estudantes- como nocturno para o público en xeral. Xa está confirmada a asistencia de 400 escolares de distintos puntos da provincia.
O seu director, Tito Asorey, asegurou que os espectadores que acudan ás 11.30 ou as 21.00 horas atoparanse cunha comedia "delirante e contemporánea" sobre as dificultades de atopar unha identidade propia nun mundo cambiante. É, en palabras súas, "un delirio, un puzzle que completar polo espectador".
Segundo explicou este mércores a actriz e produtora Laura Míguez, o espectáculo aborda cuestións filosóficas coma o Mito da Caverna de Platón ou a Teoría da Evolución de Darwin, que habitualmente se tratan nas aulas dun xeito máis teórico e que en Perplexo "acadan unha dimensión máis lúdica". De feito, dende Ilmaquinario Teatro mesmo elaboraron unha unidade didáctica para escolares.
Ambos os dous acompañaron á concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, na presentación desta que á a segunda das oito obras de Ponteatro 2015, nunha comparecencia na que Fernando González, parte do reparto, sinalou que esta "embrollosa comedia" permite "traballar sobre nós mesmos, darlle outra volta de torca a cada personaxe".
O público en xeral poderá mercar as entradas en Ataquilla.com a un prezo de 8 euros (4 para estudantes, parados e xubilados) ou, no caso de non esgotarse, unha hora antes na billeteira. No caso da función matinal, asistirán 400 escolares de educación secundaria procedentes de sete centros de Pontevedra, Redondela e Vigo (da ESAD Galicia).
VENRES GOLFOS
Esta semana o teatro tamén chegará a Pontevedra o venres. Será con ocasión do primeiro dos Venres Golfos programados para este outono. A partir das 23:59 Antón Coucheiro representará no Teatro Principal o seu espectáculo Psicópata, unha comedia negra sobre a falta de empatía.
Como novidade, os espectadores terán, ao remate do espectáculo, descontos do 30% nas súas consumicións nos locais de Pontevedra El Pequeño Karma, Chirala, Marilyn, UFO, Lego e La Fuga de Blas. Será suficiente con amosar a súa entrada ou abono.
Relacionadas:
-
Intriga en vivo nun venres moi golfo no Teatro Principal
Por Cristina Saiz |
-
Mofa e Befa volven ás orixes este xoves con 'Bobas & Galegas' e 160 almofadas no escenario
Por Redacción |
-
O 'Presidente' chamou á porta do Teatro Principal para denunciar a manipulación política
Por Diego Torrado |
-
Venres de sesións golfas para o ciclo de Ponteatro no Principal
Por Anxo Lourido |