Xosé Neira Vilas, Ángel Carracedo, Loli Beloso ou como a literatura pode desbancar un Madrid-Barça
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Con media Pontevedra paralizada polo partido entre o Real Madrid e o Barcelona e a outra media resgardada en casa polo descenso das temperaturas rexistrado nas horas previas, na parroquia de Tomeza viviuse este sábado un fenómeno que o científico Ángel Carracedo está convencido de que algunha vez se estudará nos libros de historia: os veciños non sintonizaron o que estaba a ocorrer no estadio Santiago Bernabeu nin quedaron acazapados á beira da cheminea, acudiron en masa ao centro social de Lusquiños para presenciar a presentación do libro Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos.
"O día de hoxe vai ser recodado na historia do mundo. En toda esta parroquia, coa xente que hai aquí, a audiencia do Barça vai ser cero", afirmou orgulloso o científico galego con maior proxección universal, convencido de que a autora do libro, Loli Beloso Neira, "debe dar moito agarimo na súa vida para recibir tanto" e abarrotar o recinto. El mesmo recoñeceuse fan de "un libro extraordinario" e cun obxectivo tan importante como "transmitir aos rapaces a obra dos devanceiros".
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos é unha continuación da obra previa desta escritora afincada en Tomeza, autora de libros como Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos e Luís Seoane para as nenas e nenos galegos, que nesta ocasión pretende achegar aos máis pequenos da casa a figura da parella conformada por Neira Vilas e a falecida Anisia Miranda.
Como fixo en anteriores ocasións, todo o recadado irá destinado a fins solidarios e ese era o obxecto da presenza de Carracedo no acto. Acudía en calidade de director da Fundación Medicamento Xenómica dá USC, á que irán destinados os fondos recadados para a investigación contra o cancro.
A presenza de Neira Vilas, coa mente tan lúcida como sempre a pesar das súas recentemente cumpridos 87 anos, non necesita explicación. Protagonista vivo do libro, pensou "dende o primeiro momento" que Loli Beloso é "unha persoa extraordinaria, moi intelixente, moi capaz, con gran capacidade traballo" e unha infinidade de alagos que coparían toda a crónica do acto se se reproducisen. Só unha persoa como ela sería capaz, en palabras de Neira Vilas, de elaborar un libro con "tanta tenrura" e sensibilidade.
Cun recordo especia para Anisia Miranda, falecida hai seis anos e que asegura que está detrás de "todo canto eu fixen para nenos", o recoñecido escritor, recoñeceu que ante "un libro tan fermoso" sobre a súa figura e "co ben feito que está", "ben pouco é dicir grazas". "Querida Loliña -díxolle- estou agradecido por min e, sobre todo, por Anisia", polo "cariñoso" do seu trato e "polo amable" da súa obra.
O Dúo Firveda, o cantautor Tino Baz e o grupo de pandeireteiras As Estreliñas de Tomeza e a poesía de Ángela Lago Díaz, Silvia Barcala Leboreiro e Antía Carballo González imprimiu ao acto o toque poético que completou unha tarde melancólica na que Loli Beloso tamén tivo un recordo para María José, sobriña de Neira Vilas falecida, e entregou ao escritor un ramo de flores para a súa tumba.
Relacionadas:
-
Homenaxe a Isaac Díaz Pardo en Tomeza polo centenario do seu nacemento
Por Natalia Puga |
-
A obra humana de Isaac Diaz Pardo segue viva na II Festa da Investigación de Tomeza
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Falece aos 87 anos Xosé Neira Vilas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O legado cultural e humano de Isaac Díaz Pardo analízase na Casa da Cultura de Lérez
Por Redacción |
-
Neira Vilas recibe o premio Otero Pedrayo por ser un ''activista literario''
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Neira Vilas, gañador do premio Otero Pedrayo 2013
Por Redacción |
-
Emotiva homenaxe en Marcón a Isaac Díaz Pardo coa presenza do escritor Neira Vilas
Por Anxo Lourido |