O Canto de Reis retorna a Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A asociación Queremos Galego Marín organiza para o vindeiro martes 22 de decembro na biblioteca de Marín, a partir das 20.00 horas, unha actividade para recuperar o tradicional Canto de Reis.
Historicamente era habitual o costume de acudir, casa por casa, para cantar "os Reis" e os cantos do Nadal pedindo o aguinaldo. Na actualidade múltiples asociacións culturais tentan recuperar esta forma tradicional galega de festexar o nadal polo Morrazo e as súas vilas e parroquias, desde Ardán ata Cela ou Hio.
En Ardán hai constancia desta celebración desde hai máis de 150 anos, cando por parellas e durante toda a noite coa compañía dun gaiteiro percorríanse as casas cantando "os Reis".
Neste acto previsto para o martes en Marín actuará un grupo de estudantes do CEP O Sequelo, que interpretará unhas "panxoliñas". Guillerme Ignacio Costa e Queta Molas explicarán a historia dos "cantos de Reis". Ambos son expertos en tradición musical e en costumes marinenses.
O acto finalizará coa presenza do Orfeón de Ardán que interpretará varias pezas tradicionais e o "Canto de Reis".