O cinema francés, actor principal nas salas do Teatro Principal no mes de marzo
Durante o mes de marzo, a directora francesa Claire Denis, será a protagonista na programación do Cineclube Pontevedra, coas súas películas cheas dun alto rumbo político e cunha poética fílmica de elevado grao. A autora do filme Chocolat, entre outras moitas obras, formouse con directores de gran experiencia como Win Wenders, Jim Jarmusch, Jacques Rivette ou Costas-Gavras, que lle serviron como referencia á hora de dirixir as súas temáticas, considerando así o seu cinema como unha extraordinaria mostra do cinema contemporáneo.
En canto ás películas que o Cineclub ofrecerá da directora nada en París están White Material e S'en fout a mort. A primeira delas, White Material, que se emitirá o martes 8 de marzo ás 20:15 horas, ten como protagonista a María, unha moza pequena e furiosa que representa a cultura do continente africano.
O segundo filme, S'en fout a mort, trata sobre a historia de dous mozos de Benin e das Indias Occidentais que tentan subsistir en París coa participación en pelexas de galos. Esta película está programada para o martes 15 do mesmo mes, ás 20:15 horas.
Doutra banda, o Cineclub Pontevedra e a UNESCO colaboran cos alumnos do IES Luís Seoane na curtametraxe Ves ou non vés?, que será presentado o martes 8 de marzo ás 19:30 horas, nas instalacións do Teatro Principal.
O público interesado en acudir ás sesións no Teatro Principal, poderá facelo de maneira gratuíta.