A Filharmónica traslada ao público a Alemaña nun novo 'Sons de Orquestra'
Por Redacción
O Teatro Principal acollerá este mércores 20 de abril, a partir das nove da noite, un novo concerto dentro do ciclo Sons de Orquestra, protagonizado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Estará baseado nos xermolos da música xermánica e nel poderanse escoitar pezas dos compositores Karl María von Weber, Gustav Mahler e Ludwig van Beethoven.
Ademais, como é habitual neste ciclo, unha hora antes do concerto haberá unha sesión na que membros da orquestra manterán unha conversa aberta co público sobre este concerto.
O programa presenta tres grandes obras mestras da música xermánica que no momento da súa creación supoñían unha visión pioneira, grazas a súa tradición, maxestuosidade e solemnidade.
Así, Der Freischütz (traducido como O Cazador Furtivo) de Weber considérase a primeira gran ópera romántica alemá; e Lieder eines fahrenden Gesellen (traducido por Cancións do camiñante) é o primeiro ciclo escrito por Mahler, tanto o texto como a música.
Por último, a Sinfonía número 5 de Beethoven, ademais de introducir instrumentos como o piccolo, contrafagote e trío de trombóns, concibe unha sinfonía completa dende unha única célula ou motivo, creando ademais unha loita entre dúas tonalidades ó longo da sinfonía.
Para este concerto, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra contará co pontevedrés David Fiuza como director invitado.