O FICBUEU amplía as proxeccións a máis de 60 filmes
Por Redacción
Máis filmes, novas seccións e premios máis altos. Son as principais novidades da próxima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que amplía este ano a súa programación a máis de 60 películas que se proxectarán entre o 10 e o 17 de setembro no Centro Social do Mar.
Representantes da organización presentaron este mércores as obras seleccionadas, de entre as 1.461 chegadas de 97 países, xunto o alcalde da vila, Félix Juncal, que explicou que as novidades no FICBUEU farano "máis atractivo" e que o Concello "segue a apoialo e patrocinalo, aínda que agora a organización lle corresponde ao Cineclub Bueu".
O director do evento, Manuel Pena, agradeceu a confianza e coincidiu en sinalar que "este é un ano de cambio", pois coa suma dos novos patrocinios "o FICBUEU vai dar un salto en calidade que o equiparará aos mellores festivais internacionais".
O reto, sinalou na presentación, "é lograr que manteña o seu espírito e a súa maxia, aínda que medre en dimensión".
Vinte filmes concorrerán no apartado de competición, no que concursarán obras de 12 países dos cinco continentes, das que chama a atención que cinco son comedias.
A estes sumaranse os apartados dedicados a Galicia, Comedia, Animación, Iberoamérica, Panorama e Festival Irmandado, este último aínda por concretar. En total, serán 23 as nacionalidades representadas, entre as que destacan Francia con dez traballos e España con nove. Veranse por primeira vez cintas de Nova Zelandia, Palestina, Irlanda, Paraguai, Perú ou Venezuela.
Serán esta vintena de curtametraxes da sección oficial e mais as galegas as que compitan por un primeiro premio dotado con 3.000 euros, un segundo premio de 1.000 euros e o premio do público, que ascende a 750 euros. A estes súmase o galardón de 500 euros para a Mellor Curtametraxe Galega e outro de 250 euros para a Mellor Curtametraxe de Escola, categoría especial para promover os novos valores á que poden presentarse centros formativos.
As proxeccións da semana do festival complementaranse con múltiples actividades, como obradoiros ou conferencias, se ben as accións vinculadas darán comezo nos próximos días con sesións cinematográficas na escola infantil e nos dous institutos do municipio.
Relacionadas:
-
Abre a inscrición para o obradoiro sobre a realización de curtametraxes do FICBUEU
Por Redacción |
-
O voluntariado ten unha cita co Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Unha actriz brasileira, un director portugués e un realizador galego, xurado do FicBueu 2016
Por Redacción |
-
O FICBUEU achega o cinema en sala ás novas xeracións
Por Redacción |
-
O Festival de Curtametraxes de Bueu recibe preto de 1.500 filmes dun cento de países
Por Redacción |