Un grupo de artistas pontevedreses abre unha "galería virtual"
Por Redacción
Un grupo de artistas pontevedreses aproveitou o revulsivo que supón Internet para facer as súas propias exposicións online, incrementando o público que accede a obras de arte.
Este venres día 17 de xuño terá lugar a presentación pública do seu proxecto que bautizaron como: Mambo Gallery
Trátase dunha idea ambiciosa que adopta un novo modelo de galería online, permitindo o acceso directo ás obras dos artistas por medio dunha web dinámica, sinxela e eficaz.
Mambo Gallery ofrece aos afeccionados á arte a posibilidade de coñecer as creacións dalgúns dos artistas máis interesantes da escena galega. A través da visualización dos contidos, mediante fotografías ou vídeos, os seus visitantes poderán seguir as súas traxectorias e actividade recente, así como adquirir de forma moi sinxela as obras dispoñibles na plataforma.
Mambo Gallery quere fomentar o auxe dun coleccionismo de arte afastada do concepto elitista ao que normalmente se asocia, achegándose dunha maneira alcanzable a novos compradores potenciais. A web ofrecerá obra orixinal e dispoñerá tamén de edicións seriadas de gravado, serigrafía ou cerámica, a prezos moi razoables.
A dirección artística deste proxecto está a cargo de Germán Pintos. Licenciado en Belas Artes en Pontevedra, desenvolveu unha traxectoria artística baseada fundamentalmente na pintura e o debuxo. Compaxina o seu traballo de profesor de Educación Plástica en educación secundaria, coas tarefas de xestión e comisariado de exposicións no espazo alternativo vigués O Halcón Milenario.
Tras cinco anos de experiencia na difusión e promoción de contidos culturais á fronte do Halcón Milenario, decide con este proxecto dar o salto ao mundo galerístico cunha vocación comercial e coa intención de facer visible a nivel global unha escena artística local de primeiro nivel.
Na súa estrea Mambo Gallery conta cos traballos dos artistas Javier Aguilera, Nacho Alonso, Beatriz Lobo, Isaac Cordal, Federico Fernández, Elena Fernández Prada, Liquen, Andrés Magán, Pelucas, Peri Helio, Ignacio Pérez-Jofre, Ramón Sanmiguel e Tayone.