Atlántica, o "punto de inflexión" da arte contemporánea galega
Por Redacción
Co propósito de analizar o momento presente da arte contemporánea en Galicia e afondar tamén nos seus retos de futuro, a cuarta edición do foro Conversas con Arte arrincou no mediodía deste xoves botando a vista cara o pasado, para profundizar na traxectoria do grupo Atlántica.
Un colectivo impulsado na década de 1980 por artistas como Antón Patiño, Menchu Lamas, Francisco Leiro ou o profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Moldes, un dos participantes nun coloquio, dirixido a revisar o legado dun grupo que supuxo "un punto de inflexión na arte contemporánea galega", como salientou Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación.
"Para ben ou para mal, na historia da arte en Galicia, Atlántica é o referente dos anos 80 e paréceme estupendo que siga tendo aínda a capacidade de emitir enerxía, no sentido de que produce discusión e que produce mesmo unha comparativa cos tempos que estamos vivindo", engadiu Moldes nunha mesa que completaba a crítica e historiadora da arte Mercedes Rozas.
Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural do campus, e Francisco Porto, responsable de Latamuda, foron os encargados de presentar un foro que ten como obxectivo trazar unha panorámica do sistema da arte en Galicia, reunindo en dúas mesas de debate a diferentes axentes.