O mundo da arte, emocionado co adeus ao incomparable Manuel Moldes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Tras sufrir unha longa enfermidade, na madrugada do 3 de decembro falecía o artista pontevedrés Manuel Moldes, toda unha referencia creativa e cultural en Galicia.
Deixou o seu legado a través das súas obras e tamén a través das súas clases, lembradas con entusiasmo polos estudantes de Belas Artes de Pontevedra aos que ensinou a experimentar, a buscar, a crear e, sobre todo, a saír á rúa para vivir e recoller nos seus traballos o que vían no día a día.
Tras o seu falecemento, os estudantes atenderon á petición que o profesor realizou como última vontade. El deixara pagadas unhas caixas de cervexas na cafetería da facultade para que os seus alumnos beberan na súa honra e crearan unha tea con diferentes elementos artísticos e frases lembrando a figura do pintor e escultor.
Co tear realizado polos estudantes cubriuse o féretro no enterro no cemiterio de San Amaro. Á cita non faltaron profesores, alumnos e diversos membros da comunidade universitaria, así como numerosos artistas, intelectuais, autoridades e políticos, que na maioría dos casos tamén asistiron ao acto civil no Teatro Principal de Pontevedra, coa presenza dos seus fillos e a súa muller.
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ofrecera, durante o verán, unha antoloxía sobre a súa obra na que el volveu envorcarse realizando un mural efémero nas cristaleiras da fachada do moderno edificio. Moldes contaba coa titulación de arquitecto e foi un integrante destacado do colectivo artístico Altántica. Nesta exposición no Museo, baixo o título ‘Pontevedra Suite’, presentábase un repaso dos seus traballos máis importantes desa época.
Ao artista pontevedrés, os críticos relaciónano con mestres do expresionismo abstracto como Pollock e destacan, entre outros elementos, a súa pintura xestual e as súas liñas barrocas.
A súa última entrevista radiofónica mantívoa con Marisa Ciordia para PontevedraViva Radio. Durante a súa gravación non deixou de debuxar nun papel mentres comentaba os seus traballos e facía un balance dunha vida intensa e chea de momentos que xa quedan para o recordo.
Relacionadas:
-
Dobre homenaxe a Manuel Moldes: exposición con obras inéditas para abrir a sala bautizada co seu nome
Por Redacción |
-
A Fundación Manolo Moldes terá a súa sede no edificio da Xunta de Benito Corbal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Homenaxe póstuma a Manuel Moldes no Museo co catálogo da súa última exposición
Por Redacción |
-
O centro penal da Lama homenaxea ao pintor pontevedrés Manolo Moldes
Por Redacción |
-
O Teatro Principal énchese para despedir a Manolo Moldes
Por Redacción |
-
O adeus que pediu Manolo Moldes: estudantes elaboran un sudario entre sorrisos e cervexas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Acto civil no Teatro Principal para despedir un "referente indiscutible" da vida cultural de Galicia
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- Cara a cara: Manuel debuxa, Moldes contesta
Por Marisa Ciordia |
-
'Pontevedra Suite', un percorrido pictórico polo Manuel Moldes dos anos 80
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Manuel Moldes crea un mural efémero e cheo de cor para se adentrar no Sexto Edificio do Museo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Atlántica, o "punto de inflexión" da arte contemporánea galega
Por Redacción |