A zarzuela castiza elaborada en Campañó divirte no Pazo da Cultura
Por Redacción
Unha zarzuela castiza como 'El Bateo', de Federico Chueca, fixo que durante a noite deste sábado o público que asistía ata o auditorio do Pazo da Cultura se trasladase ás rúas máis populares de Madrid do século XIX a través deste sainete lírico.
A agrupación pontevedresa Airiños de Campañó, integrada por máis de 20 intérpretes, ofreceu a divertida montaxe con personaxes como Wamba, Virginio e Visita. O público que ocupou as butacas do Pazo da Cultura aplaudiu o espectáculo.
A representación dirixida por Enrique Alberto Martínez Ribero desenvolveuse a través de cadros con diálogos e varios números musicais con pasodobres, coros e polcas.
Ao acto asistiu a concelleira Pilar Comesaña, que se achegou ao remate ao escenario para saudar aos intérpretes.