Por petición popular, a zarzuela 'El Bateo' dos Airiños de Campañó volve ao Pazo da Cultura
Por Redacción
O auditorio do Pazo da Cultura será o escenario que volva acoller este sábado 27 ás 19.30 horas a representación da zarzuela 'El Bateo', a cargo da Asociación Airiños de Campañó.
Esta obra, que xa se representou hai máis dun ano, permite que máis de 25 artistas afeccionados desta parroquia pontevedresa mostren os seus dotes coa voz e coa interpretación afrontando este espectáculo que é unha versión feminista na que o papel de anarquista está interpretado por unha muller.
Este venres, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, acompañada polo director do espectáculo, Enrique Alberto Martínez e dous integrantes da asociación presentaban este traballo que xa estivo en diversos puntos de Galicia durante os últimos meses. Afirman que numeroso público pontevedrés parounos durante o último ano pola rúa para reclamarlles unha nova actuación.
Ao longo de todo o ano, o veterano elenco actoral traballa en aprenderse as partituras e os diálogos para representar unha obra cunha trama que se centra nun estraño triángulo amoroso. A entrada é libre ata completar o aforamento.