O Festival Internacional de Jazz festexa o 25 aniversario con cinema e a estrela Gregory Porter
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Hai 25 anos daba os seus primeiros pasos o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Dende entón, este evento converteuse nun referente para os afeccionados á música en toda a península. Con motivo deste aniversario, nesta edición vai organizarse un ciclo de cine coa proxección de algunhas das películas máis destacables relacionadas co mundo do jazz.
Este luns, a concelleira de Festas, Carme da Silva, o promotor do festival José Antonio Ortiz, o responsable do Seminario Permanente de Jazz, Luis Carballo e Suso Novas, programador cultural comentaban o programa previsto para este ano.
As actividades van iniciarse co ciclo de cinema Notametraxes este 24 de maio coa proxección de 'Ascensor para o Cadafalso', de Louis Malle. O 31 de maio poderá verse 'The soul of a man', de Wim Wenders. A seguinte película vai ofrecerse o 7 de xuño: 'Arredor da medianoite', de Tavernier. Xa o 14 de xuño van proxectarse dúas películas de Joris Ivens con música en directo do Seminario Permanente de Jazz.
Todas as sesións serán no Teatro Principal a partir das 20.00 horas e a entrada é de balde. Suso Novas destacou a relación entre o cinema e o jazz, dúas das grandes actividades artísticas aparecidas no século XX.
Do 21 ao 26 de xullo chegarán os concertos a Pontevedra desta edición. O venres 21, a praza do Teucro acollerá o recital de Miguel Lamas Quartet, un músico ferrolán que na actualidade conta con sona mundial. Tamén no Teucro actuará Raynald Colom acompañado por SPJ Group, un músico que está a triunfar en Lisboa, segundo apuntou Luis Carballo.
A partir do mércors 23, os concertos trasládanse á praza da Ferrería coa actuación de Santi Quintáns European Quartet, que traballan o terreo da improvisación. Outra das estrelas deste Festival será Cory Henry and The Funk Apostles, un referente para a mocidade polos seus éxitos co grupo Snarky Puppy. Este músico foi chamado para colaborar con Bruce Springsteen ou Kenny Garret, e gañou en 2016 o Grammy ao mellor disco instrumental polo seu álbum Sylva.
Dentro do estilo soul que estará presente nesta edición, vai destacar a presenza de DeRobert and The Half-Truths. A súa música busca trasladar temas universais ao público como a pobreza, a angustia e a loita da clase traballadora.
Por último, Gregory Porter pechará os concertos da Ferrería. Este músico é un dos máis destacados vocalistas e compositores da súa xeración. José Antonio Ortiz defíneo como "un divo" con moito carisma e un poderoso timbre vogal.
Todos os concertos serán gratuitos. Ao longo destes últimos 25 anos, o festival ten celebrado máis de 150 concertos con artistas de categoría internacional que só ofreceron un concerto en Pontevedra dentro da península.
Relacionadas:
-
O jazz rítmico de Santi Quintáns deixa paso á chegada do espectacular Cory Henry
Por Diego Torrado |
-
O jazz salta á Ferrería con Santi Quintáns European Quartet
Por Redacción |
-
Miguel Lamas Quartet abre o XXV Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Diego Torrado |
-
RADIO.- Espérase un importante número de público estranxeiro para o XXV Festival Internacional de Jazz
Por Marisa Ciordia |
-
Roi Casal, Mago de Oz, Juan Magán, Morat, Fangoria, Novedades Carminha e Tamara, nas Festas da Peregrina
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Zarzuela, jazz, baile, muiñada, pasodobres e bandas sonoras veranean nas rúas coa BMP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Unha edición moi especial de 'Jazz no Principal' polo seu 25 aniversario
Por Sofía Fernández Fuentes |