A revista de arte contemporánea americana ArtisSpectrum repara en Franck Sastre
Por Redacción
Franck Sastre, o artista residente en Pontevedra que se converteu nunha cara coñecida tras o seu paso por First Dates compartindo mesa con Ana Obregón, é un dos protagonistas na sección de artigos da revista de arte contemporánea ArtisSpectrum correspondente a este mes de novembro. Neste artigo analízase o estilo de pintura deste mediático autor.
Franck Sastre tamén será protagonista do 13 de marzo ao 3 de abril dunha exposición en Nova York, a terceira nun período de menos de ano e medio. A mostra será na sala de arte contemporánea Agora Gallery.
Nesta mostra presentará tres novas coleccións, segundo explica o autor a PontevedraViva. A primeira composta por 13 cadros leva por título ' Lips of Africa'.
A segunda, que aínda se atopa en proceso de elaboración, estará formada tamén por 13 pinturas. Estas obras, baixo o título de 'Ellas', van dedicadas a grandes mulleres que estiveron presentes na vida do autor, que tenta recoller os seus matices.
Por último, tamén presentará unha colección composta por 16 cadros. Titúlase 'Fusión Pop Art' e está realizada en colaboración con outra pintora galega, Asun González. O traballo de creación consisitió en plasmar nun mesmo lenzo personaxes que lles chamaban a atención como Edith Piaf ou Amy Winehouse achegándolles un toque de cor moi ao estilo pop art. Estes traballos foron presentados en Vigo obtendo un importante éxito de público.