Pontevedra acolle o 2 de febreiro a estrea do documental 'Fóra' sobre a loita anti ENCE
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o próximo 2 de febreiro a estrea do proxecto audiovisual Fóra, un documental que recompila a historia da oposición á permanencia do complexo industrial de Ence e Elnosa na súa actual localización en Lourizán. Será ás 21.00 horas
O documental conta con guión e dirección do escritor e columnista pontevedrés Rodrigo Cota e recolle imaxes e testemuños inéditos sobre a loita para botar a Ence e Elnosa fóra de Pontevedra que axudarán ao espectador a poñer en contexto esta oposición social e política a través dos protagonistas que a lideraron desde principios da década de 1960.
Durante os seus 60 minutos de duración recolle en orde cronolóxica a historia, desde os anos previos á instalación da factoría ata a actualidade e ofrece o testemuño dos protagonistas da oposición a Ence desde os ámbitos político, institucional, xudicial, asociativo ou cultural, así como de representantes de colectivos e persoas que desenvolveron iniciativas de tipo persoal.
Ademais de dar voz aos principais protagonistas da oposición a Ence desde as súas orixes ata a actualidade, inclúe decenas de documentos inéditos e material sobre o impacto negativo que a posta en marcha de Ence supuxo para o turismo da Ría de Pontevedra nun momento no que o sector estaba en auxe.
O proxecto acompaña imaxes da factoría e da loita con testemuños e recupera algunhas historias esquecidas ou pouco coñecidas con soporte de imaxes, moitas delas inéditas.
Entre os testemuños recollidos no documental aparecen as queixas e protestas dos sectores pesqueiros, conserveiros, marisqueiros e bateeiros e entrevistas, entre outros, da histórica activista anti Ence Leonor González, Nené; o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda; o actual presidente da APDR, Antón Masa; os veciños de Lourizán Pedro Peón e Lidia Torres; ou Sabino Martínez, bateeiro e a última persoa do barrio mariñeiro da Moureira que vive hoxe do mar.
Na parte máis política figuran o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a ex concelleira do PSOE Teresa Casal; e os concelleiros Carme da Silva (BNG), Luís Rei (Marea) e Tino Fernández (PSdeG). Este último, ademais, foi avogado da asociación Salvemos Pontevedra,
Este documental tamén terá un importante peso musical da man do grupo de rock Poetarras; e con Carramón, ex compoñente de Goma 2, grupo de rock en galego anti-Ence dos anos 70.