Homenaxe póstuma a Manuel Moldes no Museo co catálogo da súa última exposición
Por Redacción
O Museo de Pontevedra vén de editar o catálogo que recolle a proposta expositiva e as obras que formaron parte da mostra Pontevedra Suite, a última que fixo en vida o pintor pontevedrés Manuel Moldes.
A edición do catálogo, que foi reformulada tras o pasamento do artista, inclúe ademais un DVD con material audiovisual tanto da montaxe da exposición como das propias obras xa expostas.
Nel participaron persoeiros como Miguel Fernández Cid, Mariano H. de Ossorno, Ramón Rozas e Manuel Jabois, ademais do comisario e o coordinador da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, respectivamente.
Ademais de recoller toda a obra seleccionada para Pontevedra Suite, a publicación tamén inclúe fotografías da acción que realizara Manuel Moldes na cristaleira exterior do Sexto Edificio nos día previos á inauguración da mostra e tamén fotografías documentais da realización do mural O río da vida nas instalacións da UNED .
"Que a última gran exposición de Manuel Moldes tivese lugar no Museo da súa cidade, na que el naceu e a que el escolleu para vivir e para traballar, e que este catálogo recolla toda a obra que el seleccionou, sobre todo da década dos 80, que foi a súa etapa dourada como artista, confírelle un valor aínda maior a este catálogo", asegurou o deputado de Cultura, Xosé Leal.
Con respecto ao catálogo, presentado este xoves no Sexto Edificio, o artista fora o encargado, no seu momento, de supervisar a súa estrutura e o seu contido, segundo explicou o director do Museo, Carlos Valle. A publicación recolle as obras que seleccionou o propio autor para reflexionar sobre a súa obra no período dos anos 80, "polo que pasou á historia da arte".
Pontevedra Suite reunía obra de Manuel Moldes do período comprendido entre os anos 1983 e 1987 e incluía preto de 50 obras, algunhas delas de gran formato, correspondentes a series especialmente significativas na súa carreira. O período temporal escollido coincidía, ademais, coa renovación artística galega que chegara naquel momento da man do Grupo Atlántica.
Relacionadas:
-
O centro penal da Lama homenaxea ao pintor pontevedrés Manolo Moldes
Por Redacción |
-
Piden que o Sexto Edificio do Museo reciba o nome de Manuel Moldes
Por Alejandro Espiño |
-
O mundo da arte, emocionado co adeus ao incomparable Manuel Moldes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Teatro Principal énchese para despedir a Manolo Moldes
Por Redacción |
-
O adeus que pediu Manolo Moldes: estudantes elaboran un sudario entre sorrisos e cervexas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |