O grupo de teatro sénior de Afundación representa 'Os vellos namorados' con fins benéficos
Por Redacción
O grupo de teatro sénior de Afundación representará o vindeiro martes 15 de maio en Pontevedra a produción teatral Os vellos namorados, a súa versión de Os vellos non deben de namorarse de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con fins benéficos.
A representación será ás 19.30 horas no auditorio da sede de Afundación e todos os beneficios serán en favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para apoiar os seus programas de atención ao enfermo e a súa familia, apoio psicolóxico, atención social, orientación sanitaria e acompañamento en hospitais e domicilios.
As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com, e tamén é posible colaborar mediante a Fila 0.
A representación é unha farsa en tres actos e epílogo adaptada polo director do grupo, Víctor Díaz Barús. Satiriza sobre o amor e a morte de tres vellos imprudentes mediante a combinación de texto, música e canto.
O grupo de teatro do Espazo +60 Afundación da Coruña formouse no ano 1984. Na actualidade está integrado por 21 actores e actrices de idades comprendidas entre os 60 e os 90 anos. Durante a súa traxectoria, o grupo recibiu numerosos premios en certames de teatro afeccionado, tanto no ámbito galego como nacional.