O grupo de teatro Espazo +60 sobe o pano tras dous anos de pandemia con risa asegurada
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Animamos a toda a xente a que veña a rirse, que é moi necesario, van ver situacións moi cómicas". Quen fala é Rosa, unha das actrices do grupo de teatro Espazo +60 Afundación. Atopámola no escenario acabando de colocar unhas pombas que recrean o ambiente dunha praza onde once personaxes danse cita na obra El Kiosko, tantos como membros da agrupación teatral.
PontevedraViva cóase entre bambolinas para asistir ao último ensaio previo á estrea das dúas pezas cómicas Río abajo e El kiosko por parte do elenco formado por Celia Bermejo, Teresa Casal, Sindo Fernández, Jeremías Ferrero, Rosa Fuentes, Marga Gómez, Mª Carmen Gómez, Paco Martínez, Teresa Narciso, Pilar Pastor e Elisa Prieto. A dirección corre a cargo de Margarita García Pládano, quen leva coordinando a agrupación dende os seus inicios en 2001.
A pandemia truncou os plans para festexar o vinte aniversario, un detalle menor posto que o que de verdade celebra este grupo de actores e actrices é que tras un parón de dous anos poden volver subirse a un escenario.
O bo ambiente das horas previas á estrea reflicte a amizade que todos a integrantes da aula forxaron. Algúns cumpren xa dúas décadas na agrupación, como a propia directora e Jeremías, o actor máis veterano.
No polo oposto atopamos a Pilar, que debuta non só co grupo de Afundación senón tamén como actriz. "Fun profesora e cos nenos montaba obras, pero nunca actuei, non teño nervios porque unha vez aquí métome de cheo no papel", asegura. Tal é a maxia do teatro que ata se atreve a cantar na peza El kiosko, da que é protagonista. Ao redor do seu posto de venda de xornais sucederanse situacións esmendrillantes e surrealistas, pero tamén cotiás con risa asegurada.
"A canción de inicio é La zarzamora, a mesma que se entoou no funeral de Lola Flores, así que xa te podes facer unha idea do canto á alegría de vivir e o optimismo que é esta obra", sinala Margarita García, a directora. Ela mesma confésanos que tiña pensado finalizar a súa etapa á fronte do grupo de teatro durante a pandemia porque se atopaba sen ánimo e grazas ao empuxe da súa neta, que día a día se supera enfrontando unha enfermidade rara, a que lle dixo "avoa, grazas ao teu exemplo eu sigo adiante, por favor, tes que continuar".
Tamén cada unha das oito actrices e tres actores ten os seus motivos para embarcarse no traballo que implica aprenderse os textos, os movementos en escena e seguir a dinámica dos ensaios. O principal é a socialización, xa que en moitos casos unha vez finalizada a vida laboral interrómpese a relación cos compañeiros de profesión e a agrupación teatral cubre ese espazo.
É unha das razóns para que Paco, militar retirado, se animase a participar na aula teatral. Non tiña experiencia previa, "bueno, si, de neno, con tres ou catro anos interpretei a Canción del Pirata, de Espronceda", recoñece cun sorriso. A outra motivación para entrar no grupo de teatro foi casual, "estaba apuntado nun Taller de Escritura tamén en Afundación pero, como eramos poucos, finalmente non se celebrou e acabei facendo teatro".
O grupo de teatro Espazo +60 subirá o pano este martes 1 de marzo ás 19:00 horas na Sede Afundación Pontevedra (Augusto González Besada, 2) con Río abajo e El kiosko. A asistencia á representación é gratuíta, con prazas limitadas, e as invitacións pódense recoller no Espazo +60 Afundación de Pontevedra, no antigo edificio do Café Moderno.
Ademais, esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende levar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais
Pódese colaborar facendo unha doazón de produtos non perecedoiros ao recoller a invitación ou no momento da entrada ao auditorio o propio día de evento, depositándoo nun caixón habilitado no vestíbulo.
Relacionadas:
-
Espazo +60 Afundación Pontevedra representa este martes 'El kiosko'
Por Redacción |
-
'Pedalear e conversar', a iniciativa de triciclos eléctricos adaptados para fomentar as relacións
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O grupo de teatro sénior de Afundación representa 'Os vellos namorados' con fins benéficos
Por Redacción |