Don Bryant, Abe Rábade, "Wolfman" Washington e Bollani encherán de ritmo o Festival Internacional de Jazz
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Don Bryant and the Bo-Keys ofrecerá un concerto en exclusiva en España dentro da súa xira europea. Será en Pontevedra, dentro do 26 Festival Internacional de Jazz e Blues o próximo 18 de xullo na praza da Ferrería.
Dous días antes iniciaranse todas as actividades con motivo desta cita xa tradicional co jazz e o blues na cidade do Lérez. A concelleira de Festas, Carme da Silva e os organizadores do Festival, Luís Carballo e José Antonio Ortiz, presentaban os eventos desta edición, que se iniciarán o luns 16 con "Jazz pola Rúa", de 12.30 a 13.30 horas e de 20 a 21.00 horas a cargo da Street Band.
Esa mesma xornada, Alfonso Calvo Septet ofrecerá un concerto na praza do Teucro a partir das 22.30 horas, que contará con Ton Risco ao vibráfono como convidado especial. Tamén se desenvolverán sesións de workshop a cargo de Joel Ross e Jorge Vistel no edificio do antigo conservatorio.
O 17 de xullo, a banda Nomads formada por Jorge Vistel, Xan Campos, Paco Charlín e Naima Acuña, co vibrafonista Joel Ross ofrecerá o seu recital tamén na praza do Teucro ás 22.30 horas.
A partir do luns 18 iniciaranse os grandes concertos na praza da Ferrería. O veterano músico de blues Don Bryant acompañado por The Bo-Keys ofrecerá o seu primeiro concerto en territorio español. O compositor de Memphis é autor dun dos grande éxitos de Tina Turner: 'I can not stand the rain' e escribiu traballos para artistas de referencia como Al Green, Syl Johnson ou Otis Clay.
Abe Rábade Trío retorna a Pontevedra cun concerto no que fará un repaso á súa traxectoria. O pianista compostelán está considerado un músico de vangarda que " non renuncia ás súas raíces", indicou José Antonio Ortiz durante a presentación.
Walter "Wolfman" Washington & The Roadmasters serán os encargados de continuar coas actuacións no escenario da Ferrería durante o mércores 20. Este guitarrista desenvólvese entre os berros salvaxes ao James Brown ata as melodías de Nat King Cole.
Por último, Stefano Bollani, acompañado polo quinteto 'Que Bom', pechará o festival o día 21 nun ambiente festivo marcado por ritmos brasileiros. O seu último traballo discográfico conta coas colaboracións de Caetano Veloso e de Hamilton de Holanda.
As actuacións completaranse con concertos a partir das 24.00 horas na Gramola, na praza de Méndez Núñez. E o sábado 21, a Taberna do Jazz, na rúa San Sebastián, acollerá a partir das 13.00 horas unha sesión de 'Jazz de taberna'.
Os promotores consideran que este ano preséntase un programa equilibrado, que ofrece jazz, blues, fusión, sons ortodoxos e diferentes procedencias artísticas.
Relacionadas:
-
Alfonso Calvo deixa paso no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra á inédita banda Nomads
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Alfonso Calvo abre no Teucro o XXVI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
Por Redacción |
-
Mexillóns para todos na praia fluvial para celebrar o San Benitiño
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Bueu incorpórase ao circuíto do jazz co seu propio festival internacional
Por Redacción |