Kepa Junkera, Tanxugueiras, Uamusse, Uxía e Chico César pechan este domingo Cantos na Maré
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Este sábado foi un día histórico para Cantos na Maré, dentro do marco deste festival creouse a Rede da GaliLusofonia cos obxectivos de difundir iniciativas para situar a Galicia "no seu espazo natural lingüístico-cultural, a Lusofonía".
A proposta pretende incorporar a Galicia á Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Esta Rede da GaliLusofonía está formada por diversos colectivos como, entre outros, A Mesa pola Normalización Lingüística, Academia Galega da Língua Portuguesa ou AGAL. O vindeiro encontro van mantelo na cidade de Braga, capital histórica de Gallaecia.
Pero ademais deste acto de constitución, o sábado converteu o Pazo da Cultura nun escenario de ritmos e enerxía desbordante. As voces de Selma Uamusse, Chico César e Mercedes Peón brilaron ante o público.
Os asistente seguiron gozando cos vibrantes Throes + The Shine, que crearon un ambiente absolutamente festivo.
Este domingo conclúe Cantos na Maré cun concerto especial. Trátase do proxecto Ath-Thurda, que promove a candidatura de Évora a Cidade Europea da Cultura en 2027. A partir das 20.00 horas, o auditorio do Pazo da Cultura acollerá a música de Kepa Junkera, Tanxugueiras, Selma Uamusse, Uxía e Chico César.
Pero a xornada deste domingo inclúe máis actividades ao redor do Festival Internacional da Lusofonía. Ás 12.00 horas vai desenvolverse unha visita comentada polas Ruínas de San Domingos. A continuación, a Banda de Música de Pontevedra, acompañada polo gaiteiro Suso Vaamonde realizará un repaso de temas clásicos da música tradicional de Galicia.
Durante a tarde, tamén se ofrecerá unha actividade de contacontos titulada 'Periplo Atlántico', a cargo de Polo Correo do Vento na praza da Verdura. Dentro das propostas culturais, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra proxectará a partir das 18.30 horas o documental 'Rosas de Ermera', que relata o tráxico episodio que sofreu o compositor portugués José Afonso, "o Zeca Afonso".
Relacionadas:
-
Gala final de Cantos na Maré: sumando culturas e sentimentos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Cantos na Maré acolle o legado musical de Cesária Évora, a diva dos pés descalzos
Por Diego Torrado & Redacción |
-
RADIO.- A playlist de... Cantos na Maré por Uxía
Por Marisa Ciordia |
-
Teresa Salgueiro abre a edición máis ambiciosa de Cantos na Maré
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Cantos na Maré aposta por converterse nun mini encontro cultural das nacións
Por Redacción |
-
O primeiro coro galego, creado polo boticario Perfecto Feijoo, revive no Cantos na Maré
Por Redacción |