Con tres meses foi espectador (dígase inconsciente ou pasivo) da película Ben-Hur. Ninguén lembra que lle tivesen que sacar da sala, así que Seve Casalderrey Conde sumou a tan temperá idade a súa primeira longametraxe. A día de hoxe, 38 anos despois calcula que supera os seis mil.
Non é farol, procura non baixar de 400 novos títulos -só de longas- ao ano; isto é, unha media de película diaria polo menos. A iso súmanse as curtas; que como programador do FICBueu, xa superan os 300 cada edición.
Nos tres díxitos móvese tamén á hora de contabilizar concertos aos que asistiu. De neno, motivado en boa medida polo seu pai, inscribírono na Academia Aurora desta capital; alá ía e viña acompañado pola súa nai desde Lérez. Con nove anos comezou ademais no conservatorio. Esta formación superior completouna en Santiago, es profesor superior de piano. Así que nos deixa unha Playlist moi didáctica.
Na cidade compostelá estudou Historia da Arte; e nas idas e vindas no Rías Baixas, compartindo, ou máis ben axuntando asentos no autobús, coñeceu a Carolina, unha bueuense coa que xa leva dezasete anos. O seu primeiro ano de casados pasárono en Lugo, daquela a docencia trasladoulles a Lalín, onde segue exercendo no Instituto Ramón María Aller. Desde hai once anos son tres na familia, con Claudia, a súa filla.
Conta en PontevedraViva Radio como foi o mes pasado a súa incursión nas Azores, a través do cinema e a música, como non. Alí ademais mostrou a súa faceta de compositor xa que desde 2016, 'Miss Ledyia'a primeira película galega de ficción, leva a súa rúbrica como banda sonora.